Yolanda Díaz abre a campaña en Ferrol

A executiva nacional de Esquerda Unida sinala que nestas eleccións darase a coñecer un programa baseado en cinco grandes eixos: a loita pola creación de emprego, a procura de que a democracia estea ao servizo do pobo; a potenciación de mellora dos servizos públicos; o apoio a un modelo de desenvolvemento baseado nas necesidades da poboación e, por último, a busca de que todas as persoas teñan os mesmos dereitos en condicións de igualdade.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, afronta optimista estas eleccións municipais, das que resalta o “potencial transformador e de mudanza” que teñen e que significa “toda unha grande oportunidade à hora de optar por un goberno de esquerda cun programa transversal, completo e avalado pola experiencia”.

Neste sentido, o principal obxectivo político para a coordinadora de Esquerda Unida pasa por “iniciar o ciclo de derrotas do neoliberalismo e do PP desde os nosos Concellos” e “situar á esquerda como a forza referente e decisiva para determinar políticas de cambio real”, precisa Díaz.

A erradicación das prácticas corruptas como forma de goberno; recuperar os orzamentos para as necesidades da cidadanía; auditar aos concellos para tentar recuperar servizos públicos hoxe privatizados; a creación de emprego e o impulso da democracia participativa como garantía de bo goberno son algúns dos temas claves da campaña, liderada por Yolanda Díaz, quen sabe que agora, máis que nunca, “É tempo de esquerda”.

Relacionados