Yolanda Díaz esixe, en rolda de prensa en Narón, a retirada da cementeira do Castro e a restauración da zona

Esta mañá, a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de AGE, Yolanda Díaz, o concelleiro de Esquerda Unida Narón, André Abeledo, e o tesoureiro de AAVV de Castro, Enrique Montero, presentaron en rolda de prensa a situación actual na que está a cementeira de Castro. A pesar da súa satisfacción polos resultados positivos obtidos até o momento —o Tribunal Supremo (TS) deu a razón á Asociación de Veciños de Castro na súa batalla legal contra a cementeira— agora, “é o momento de  esixir que se cumpra a sentencia do Tribunal Supremo, que declara ilegal a cementeira e conseguir, por un lado, o cese de actividade da planta e, por outro, a restauración da zona”, concreta Yolanda Díaz.

Neste senso, Díaz celebra a decisión do Tribunal Supremo e aplaude “a meritoria loita social da asociación veciñal e de cantas outras entidades e persoas compartiron un itinerario arduo que excede xa os dez anos de loitas en defensa do ben común, e que finalmente contou co respaldo da Constitución, que mandata aos poderes públicos protexer a mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio natural”.

Dende Esquerda Unida Narón explican que a moción rexistrada é “moi importante, xa que da voz aos veciños de Castro no pleno do concello e que ademais, respalda unha loita veciñal que comezou no 2003, todo un exemplo de compromiso e perseveranza, e que demostrou que a mobilización sirve e que só loitando poden mudarse as cousas. André Abeledo recordou “EU Narón vai ser a voz da veciñanza no Concello, tal e como prometeu e, o seu papel vai ser incidir en que a lei ten que ser igual para todos: os poderosos non poden campar as súas anchas”.

Ademais, dende Esquerda Unida Narón esixen, “como compensación a todos estes anos de despropósitos por parte das autoridades municipais, que o Concello se comprometa a estudar a posibilidade de recuperar a parcela para dedicala a actividades lúdicas e deportivas, así como a restaurar, no posible, a fonte catalogada e coñecida no saber popular como a fonte da Santa”.

Pola súa banda, Enrique Montero lembrou as dificultades desta longa loita e agradeceu tanto a Esquerda Unida de Narón como a Yolanda Díaz o seu apio para seguir adiante, e recordounos a todos que “a loita continua”. A súa vitoria é a da razón crítica, que asume que unha industria altamente contaminante non se pode situar ao carón das vivendas veciñais polos danos e prexuízos para a saúde derivados  da súa actividade.

Dende Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrouse paralelamente no Parlamento esta mesma demanda, sobre a que Díaz recordou que “son tempos  de  restaurar  o  dano  feito  e, para iso, a Xunta ten que cumprir a  legalidade e rectificar decisións equivocadas”.

 

Relacionados