Yolanda Díaz pedirá no Parlamento galego o peche de Reganosa, situada na ría de Ferrol

Esta instalación alberga un enorme potencial destrutivo e está situada a menos de 200 metros do núcleo urbano de Mehá, a 800 metros do arsenal militar, a 900 metros do núcleo de Mugardos e a carón do complexo petroquímico de Forestal, que almacena preto de 300.000m3 de combustible e produtos químicos. Unha instalación que supera en 85.000 veces a potencia da explosión máis potente acontecida en Tianjin.

A Xunta de Galicia, socia de Reganosa co 17.5 % das accións, vén promovendo a ampliación das instalacións (duplicar a capacidade de regasificación, e incluso a construción de un terceiro tanque) a pesares de que a demanda do consumo de gas non se prevé que aumente e da escasa produción da planta, dun 28.6% no ultimo ano. Ademáis, o Goberno da Xunta de Galicia vén promovendo que a Ría de Ferrol se converta no centro de subministro de gas aos buques con este tipo de propulsión, é dicir, ampliar a actividade do uso do gas no interior da ría aumentando os riscos para a poboación que vive na súa contorna, coñecendo a ilegalidade desta actividade por non poder cumprimentar a normativa de navegabilidade e pola ilegalidade dunha instalación que non cumpre coas distancias esixidas e que en sentenza de maio de 2012 o Tribunal Supremo determinou.

Como consecuencia das explosións producidas o pasado dia 13 na cidade china de Tianjin, unhas 135 persoas morreron e máis de 580 permanecen ingresadas nos hospitais da zona. A distancia do almacenamento destas substancias perigosas situábase a 500 metros dos núcleos residenciais, incumprindo a lexislación chinesa ao respecto. É por iso que o acontecido na cidade chinesa debería servir para reflexionar sobre o que pode acontecer no corazón da Ría de Ferrol se non se comezan a tomar medidas ao respecto.

Relacionados