Apoio manifestación contra o decreto do galego

 

A nosa organización considera o decreto contra o galego do goberno do PP, un ataque político sen precedentes contra a nosa lingua e a nosa cultura. O devandito decreto traerá consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade.

 

Esquerda Unida denuncia que o decreto, ademais de ser inxusto, incumpre toda normativa de rango superior ao contravir a proteción do galego. Este decreto traerá como consecuencia a paulatina desaparición do galego, pois cando se pretende equipar dúas linguas en situación de desigualdade, sucede que a máis débil desaparece, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”. Con todo, o PP pretende impor a sociedade galega, rachando o consenso histórico, un decreto elaborado de costas a sociedade e a comunidade educativa.

 

Esquerda Unida que participará activamente na manifestación do vindeiro 17 de maio chama a mobilización de todos os galegos e galegas en defensa da nosa lingua, para visualizar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego e demostrarlle ao PP que está a actuar de costas a sociedade galega.

 

EU confía en que milleiros de galegas e galegos ateiguen de novo a praza do Obradoiro, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro, para facer reflexionar ao Presidente da Xunta, que no entanto segue a malgastar diñeiros públicos en atacar o galego. Neste senso Esquerda Unida considera inaceptable que, en plena crise económica cando semella fundamental facer un uso racional do gasto público, o Goberno do PP invista un millón de euros nunha campaña a favor do decretazo, e dicir en contra do galego.

Relacionados