Carta mundial das persoas migrantes

 

 

Estas políticas son impostas por sistemas conservadores e hexemónicos que buscan manter os seus privilexios explotando a forza de traballo física e intelectual das persoas migrantes. Para iso, empregan as prerrogativas exorbitantes permitidas pola potencia arbitraria dos Estados-nación e do sistema mundial de dominación.

 

As persoas migrantes vense privadas en todas partes do pleno exercicio do seu dereito á liberdade de circulación e de instalación sobre o noso planeta. Vense privadas dos seus dereitos á liberdade e á paz, asi como tamén dos seus dereitos económicos, sociais, políticos e culturais.

 

Só unha gran alianza de persoas migrantes poderá promover o xurdimento de novos dereitos para cada persoa polo seu nacemento, sen distinción de orixe, cor, sexo ou credo. A alianza de migrantes deberá artellarse ao redor de principios éticos que permitan que as persoas migrantes contribúan á construción de novas políticas económicas e sociais, á elaboración dunha nova concepción da territorialidade e do sistema de gobernanza mundial dominante na actualidade, asi como do seu fundamento económico e ideolóxico.

 

Por iso, nós, migrantes do mundo enteiro, a partir das propostas que recibimos desde 2006, suxerimos unha ampla discusión a escala planetaria, con vistas a adoptar a presente Carta Mundial das Persoas Migrantes no presente encontro na illa de Gorea, en Senegal.

 

A nosa ambición é facer valer, a partir das situacións que viven as persoas migrantes no mundo, o dereito para todas as persoas de poder circular e instalarse libremente sobre o noso planeta e contribuir á construción dun mundo sen muros.

 

Proposta de Carta

 

Porque pertencemos ao planeta Terra, todas as persoas temos que poder circular e instalarnos em calquera parte do planeta. Toda persoa debe poder desprazarse libremente do campo cara a cidade, da cidade ao campo, dunha provincia a outra e dun país calquera cara a outro país.

 

As leis relativas ás visas, aos permisos, ás autorizacións, asi como todas as demais leis que limitan a liberdade de circulación e instalación deben ser derogadas.

 

As persoas migrantes do mundo entero deben ter os mesmos dereitos que os grupos nacionais e asumir as mesmas responsabilidades en todos os eidos esenciais da vida económica, política, cultural e social. Deben ter dereito a votar e a seren elixidas en calquera órgano lexislativo. As persoas migrantes deben ter dereito a falar e compartir a súa lingua materna, a desenvolver e dar a coñecer as súas culturas tradicionais e a practicar as súas relxiións .

 

As persoas migrantes deben gozar do mesmo dereito a exercer un comercio onde o desexen, a dedicarse á industria ou adoptar un oficio, manual ou non, asi como calquera profesión permitida para os grupos nacionais, de maneira que se lles permita asumir a súa parte de responsabilidade na produción das riquezas necesarias para o desenvolvemento e realización de todas as persoas.

 

A terra debe ser repartida entre quen a traballa. As restricións á propiedade dos terreos impostas por razóns de orde étnica e(ou) nacional deben ser abolidas a favor dunha nova visión dunha relación responsable entre os seres humanos e a terra.

 

As persoas migrantes, ao igual que os grupos nacionais, deben ser iguais ante a lei. Ninguén debe ir ao cárcere, ser deportado ou ver restrinxida a súa liberdade sen que a súa causa sexa escoitada de forma xusta e defendida.

 

Os dereitos humanos son inalienables e indivisibles e deben ser os mesmos para todas as persoas. A lei debe garantir a todas as persoas migrantes o dereito á liberdade de expresión, o dereito a organizarse, o dereito á liberdade de reunión, o dereito a publicar, practicar o culto e dar aos seus fillos a educación que elixan.

 

O traballo e a seguridade deben ser garantidos a todas as persoas migrantes e seus fillos. A instrución debe ser gratuita, universal e idéntica para todos os nenos e nenas. Os estudos superiores e a formación técnica deben ser accesibles a todos nunha nova visión de diálogo entre as culturas. Na vida cultural, deportiva e educativa debe abolirse toda distinción que obedeza á orixe nacional.

 

As persoas migrantes deben ter dereito á vivenda. Toda persoa debe ter dereito a habitar o lugar da súa elección, vivir nun hábitat decente e manter á súa familia con confort e seguridade, do mesmo modo que os grupos nacionais. As persoas migrantes aspiran a ter a oportunidade e responsabilidade ao igual que os grupos nacionais, e a enfrontar xuntos os desafíos actuais (vivenda, alimentación, saúde, realización…)

 

O obxectivo dos principios enunciados na Carta Mundial das Persoas Migrantes é o de contribuir á desaparición do todo sistema segregacionista e ao advenimento dun mundo plural, responsable e solidario.

 

Gorée (Senegal)

5 febreiro 2011

Relacionados