Cinema galego

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do deputado Xabier Ron, reclamou esta mañá respecto para o cinema galego. Fíxoo nunha proposición non de lei (pnl, no documento anexo) defendida esta mañá na comisión parlamentaria de Educación e Cultura na que esixiu “un programa de colaboración estábel entra a Xunta e as administracións locais de recuperación do cinema galego”. “A voracidade do cinema comercial, a crise de consumo e o desinterese da administración pública”, denuncia Ron na exposición de motivos da iniciativa, “conduciron ao peche de numerosas salas de cine. As que quedan, non apostan nin polo cinema galego, nin nin polo cinema independente”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, a cultura é un dereito e non pode quedar sometida ás leis do mercado capitalista. “É fundamental que a Xunta lidera, en cooperación cos concellos, un ambicioso plan de recuperación dos cinemas”, expón o parlamentario de AGE, “e que o faga de contado cunha cronoloxía e un orzamento claros”. Porque, como explicou Ron en sede parlamentaria, “en Galiza, os pequenos e medianos produtores cinematográficos non poden acceder ás salas comerciais”. Esta circunstancia dáse, ademais, nun intre en que prestixiosos festivais de todo o mundo recoñecen o cinema galego, exhíbeno e mesmo prémiano. “Os filmes galegos triunfan no estranxeiro pero apenas se poden ver no país”, engade Xabier Ron.

A proposición de AGE tamén pedía ao Goberno de Feijóo a posta en marcha dun programa de cinema destinado aos escolares “con especial énfase no cinema galego e no cinema estranxeiro subtitulado con mensaxes que permitan traballar a transversalidade de valores éticos e morais” e mais un plan de promoción consensuado co sector. O PP votou en contra da pnl de AGE, que aceptou unha emenda do Bloque e sumou o seu apoio e o do PSdeG.

Relacionados