Compra pública responsable

 

A aplicación da compra pública responsable  supón a introdución  de criterios éticos relativos  ao cumprimento das convencións internacionais  sobre as condicións laborais das traballadoras e traballadores, asemade  de supor  unha defensa  do emprego estable e con dereitos, coidando  da perspectiva de xénero e da contratación de persoas con diversidade funcional; a compra pública responsable  aposta polo apoio ás empresas de economía social, aquelas qie aplican procesos de xestión de carácter democrático e participativo, que priman ás persoas sobre o capital na repartición das rendas e que teñen unha finalidade de servizo aos seus membros e á colectividade; a compra pública responsable constitúe un elo  necesario para desenvolver modelos de consumo respectuosos co medio ambiente, ao minimizar os impacto ambientais derivados do consumo ao contemplar como esixencias os parámetros da sustentabilidade ambiental.

 

Os poderes públicos teñen que desenvolver unha pedagoxía social para garantir a extensión dos principios que informan a compra pública responsable, cuxos  principios éticos, sociais e  de sustentabilidade que van de seu nela son os alicerces doutro modelos de organización social, quen de procurar benestar e sustentabilidade ás persoas.

 

A Lei de Contratos do Sector Público amplía as  posibilidades  para a súa introdución , estabelecida pola Directiva  2004/18/CE sobre a coordinación dos procedementos de adxudicación dos contratos públicos de obras, subministracións e servizos. Xa que logo, trátase de que os poderes públicos  asuman o compromiso político de desenvolver as potencialidades da compra pública responsable para producir cambios que fagan da contratación pública un útil eficaz na loita contra a exclusión social nas súas diversas  manifestacións, para protexer o medio ambiente e para procurar contribuír a un desenvolvemento humano equilibrado, solidario e sustentable.

 

A compra pública responsable  supón apostar por mercar e contratar  só os bens e os servizos que sexan realmente necesarios e que cumpran as esixencias ambientais, en particular  que sexan reciclados, reutilizables e reciclables; que cumpran as esixencias  éticas  no que atinxe á fabricación e produción  segundo as convencións fundamentais da OIT e mailos certificados de comercio xusto  estabelecidos  na resolución do Parlamento Europeo 2005/2245 ( INI )  e os que se derivan dos principios da soberanía alimentaria e maila agricultura ecolóxica. E os criterios  sociais, que supoñen priorizar a compra de produtos e servizos que proveñan das empresas da economía social, segundo defínense  pola Confederación Empresarial de Economía Social , agrupando as sociedades laborais, as cooperativas, as mutuas, as empresas de inserción as fundacións e os centros especiais de emprego.

 

Na procura de achegar a nosa cidadanía os valores e avantaxes da compra pública responsable, os Grupos Municipais que asinan esta Moción  propoñen ao Pleno do Concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDOS:

 

         Instar ao Concello de Ferrol a adoptar todas as medidas posibles tendentes a mercar e contratar só os bens e servizos realmente necesarios e segundo os criterios arriba enunciados de carácter ambiental, ético e social.

         Que o Concello de Ferrol impulse a formación dos responsables da contratación, intervención e asesoramento xurídico na aplicación dos criterios da Compra Pública Responsable.

         Que o Concello de Ferrol se comprometa a participar na Rede de Compra Pública Responsable, na que vai poder asesorarse e compartir experiencias con outras administracións e actores sociais.

         Que o Concello de Ferrol cree unha comisión técnica interdepartamental composta polos servizos municipais  necesarios e que tería que artellar detalladamente os criterios de execución deste acordo.

Relacionados