Proposta de investimentos

 

As operacións de endebedamento en curso non deixan de revelar tanto a gravidade da crise económica  canto a crónica  falla de financiamento municipal,  circunstancias ámbalas dúas da meirande importancia e que merecen un esforzo de todas e todos por achar solucións comúns que as resolvan. O déficit estrutural de recursos municipais  ínflase agora coas menores achegas do Estado e coa vontade política dos Gobernos da Xunta e do Estado de reducir o gasto público; cruzada contra o gasto público que serve aos inimigos da presenza e protagonismo do público e o social no eido da economía, no ámbito da  res publica.

 

As actuacións propostas teñen como eixo director a mellora das dotacións de equipamentos sociais , de servizos  e culturais para a nosa cidadanía. Temos a certidume que a súa realización suporá un salto adiante  notable na transformación da fisonomía da cidade.

  

A nosa proposta é debedora doutras que xa formulamos ao longo deste mandato corporativo, e que até o de agora non conquerimos facer realidade, diante da inoperancia e incumprimentos do actual Goberno Municipal.

 

O Grupo Municipal considera, xa que logo, que o destino da operación de endebedamento a realizar polo concello débese de empregar na seguinte relación de actuacións na nosa cidade:

 

         A creación dun Centro Social de Maiores no barrio de Caranza para atender o lecer e a socialización dos maiores do barrio.

         A remodelación do mercado municipal de Caranza e da Avda. do Mar.

         A dotación dun aparcadoiro na zona do Auditorio e do Conservatorio de Música.

         O arranxo e mantemento das zonas verdes e zonas públicas de Caranza, caso das zonas verdes das rúas Pedro Carbajal e Cádiz, ou da Praza Guillermo Feal.

         A reurbanización da Praza das Vítimas do 11 de Marzo no barrio de Esteiro.

         A adquisición e rehabilitación do inmoble coñecido como Forno Bellón, para a súa adecuación como centro social do barrio de Esteiro.

         A compra e acondicionamento da casa  da Fenya sita en  Canido para  situar nela o Museo da Cidade.

         A ampliación da Casa de Acollida coa adquisición duns terreos adxacentes e a súa incorporación á Casa.

         A demolición da nave do mercado para avanzar na recuperación e artellamento da zona baixa da cidade.

         A dotación de beirarrúas na rúa Basanta, en San Xoán.

         A recuperación da Zona Verde de San Francisco.

         A rehabilitación da Costa de Mella.

         A adquisición da casa de Carvalho Calero no barrio de Ferrol Vello.

         A intervención na Fábrica de Lápices, como dotacional  público de servizos.

         Completar  a rehabilitación do Ateneo Ferrolán.

         O proxecto museístico do Torrente Ballester.

         A recuperación do antigo Hospicio.

         Rematar a intervención na Casa do Coronel para adicala a máis importante colección naturalista de Galicia, coadxuvando ao traballo  cotián que desenvolve  a SGHN.

         A  reurbanización, no ensanche, da Praza de Sartaña.

         A suscrición do convenio coa Xunta, e mailo o seu desenvolvemento, para soterrar as liñas de alta tensión e mailo cambio de emprazamento da subestación de Santa Mariña.

         A rehabilitación do Bambú Club e maila creación da Empresa Municipal de Vivenda para xestionar a rehabilitación do barrio de Recimil.

         O remate das obras da Oficina de Rehabilitación na Magdalena.

         A dotación orzamentaria suficiente  para desenvolver o plan de mobilidade, trala seca do ano pasado onde non se investiu un euro neste eido.

         A dotación dunha partida específica para as obras na Zona Rural, en particular as vencelladas co saneamento.

         A modificación puntual do PXOM para garantir a protección integral da fraga do Menáncaro.

         A creación dunha ruta de sendeirismo no Menáncaro que se prolongue no río da Xardiña até a piscina natural, hoxendía botada a perder coa sucidade, que se forma entre o campo de fútbol da malata e FIMO.

         A creación dun camping municipal.

         A recuperación da praia urbana da Malata.

         A modernización da administración local, en particular cunha partida que permita a creación de dous puntos de atención á cidadanía en Caranza e Serantes.

         A dotación de cobertura wifi nos espazos públicos da cidade.

Relacionados