Fábrica de lápices

 

A autorización da Xunta revela o desinterese polo BIC de Ferrol Vello, que é tanto como que non lles importan os intereses xerais da nosa cidadanía. Dicimos alto e claro que nos opoñemos o derrubo da Fábrica.

 

Yolanda Díaz denuncia que nos atopamos ante un escenario especulativo propiciado polo PP. Non atopamos explicación a que a propia Xunta de Galicia modifique  a súa decisión  no espazo dun ano. Agora contemplamos o valor que lle concede o PP á declaración de Ferrol Vello como BIC (Ben de Interese Cultural): cero. Quente está esta  decisión para protexer un barrio que é o xermolo histórico da nosa cidade e sen deixar que se elabore o Plan Director, vai a Xunta e autoriza o derrubo desta peza, cambiando unha decisión de hai un ano, cando denegoullo a outro Goberno Municipal de distinto signo. “En resumo e á vista do acontecido temos partidismo, especulación e desmemoria para coa nosa cidade”  sentenza Yolanda Díaz.

 

Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal que non asuma a complicidade como brigadilla de demolición do noso patrimonio, en este caso de claras raiceiras industriais, e que podería xogar un papel sobranceiro no artellamento dun tecido de equipamentos cívicos para un barrio que os necesita en especial, caso de Ferrol Vello.

 

A nosa organización demanda que se presente un recurso de alzada polo Goberno Municipal  diante esta decisión lesiva para Ferrol e no entanto lanzar unha chamada xeral de concienciación e mobilización a nosa cidadanía encol dos valores que representa a Fábrica de Lápices. Como no caso da Ranita se imos xuntos seremos invencibles.

 

Esquerda Unida anima a cidadanía de Ferrol a mobilizarse na defensa da memoria construída da cidade e contra os procesos que tentan reducir Ferrol a ladrillo construido e baleiro. O número de vivendas baleiras en Ferrol aconsella non continuar a senda de destrución/construcción de vivenda libre,  e si apostar pola rehabilitación e a vivenda protexida. Pedímoslle ao Goberno Municipal que defenda o interese xeral, o de toda a cidadanía, dicindo non a esta destrución e  que pola contra apure os prazos para que en Recimil as familias baremadas  poidan ter unha vivenda digna.

 

Esquerda Unida considera necesario, e dara os pasos pertinentes nesa dirección, lanzar unha campaña social unitaria na defensa desta peza e para propiciar  a recuperación do barrio de Ferrol Vello, de xeito que o BIC se desenvolva cun planeamento que preserve e dinamice a vida do barrio que veu nacer Ferrol, sen concesións a operación inmobiliarias especulativas e innecesarias.

Relacionados