1 millón € custan as misas da TVG

O deputado Juan Fajardo critica que o medio público dedique os domingos o dobre de tempo á cerimonia que ao Parlamento, “onde supostamente reside a soberanía do pobo galego”

Santiago de Compostela, 22 marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere a televisión pública galega suspenda, de xeito inmediato, as emisións dominicais de misas católicas e os programas relixiosos. “Estas retransmisións son un acto ‘evanxelizador’ discriminatorio doutras confesións”, denuncia o deputado Juan Fajardo, “e realízanse mentres os colectivos a prol do laicismo non dispoñen dun só segundo nas canles públicas galegas”. AGE vén de presentar unha proposición non de lei para que o Parlamento inste ao Consello de Administración da CRTVG a retirar ese tipo de programación. “A situación é tan incomprensíbel”, explica Fajardo, “que os domingos a Igrexa católica ocupa o dobre de tempo que o Parlamento, onde supostamente reside a soberanía do pobo galego”.

Alternativa entende que os medios, e polo tanto os cartos, públicos “non se deben empregar para o adoutrinamento relixioso”. O parlamentario Fajardo engade, como exemplo deste uso confesional da TVG, o desprazamento de xornalistas a Roma, onde cubriron en directo a entronización do novo Papa. “A televisión pública galega gasta cada ano arredor dun millón de euros en promover confesións relixiosas, en concreto católicas”, denuncia, “algo que non é de recibo cando a Constitución vixente cualifica o Estado español como ‘aconfesional”.

Relacionados