1,6 millóns para privatizar

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o concello privatiza un traballo de inspección de inmobles que poderían facer os técnicos municipais, unha nova actuación que demostra que o goberno do Sr. Negreira non sabe que inventar para gastar os cartos públicos e agasallar as empresas amigas. No hipotético caso de que o técnicos non están suficientemente cualificados ou non exista persoal suficiente, eses 1,6 millóns de euros serían recursos abondo como para reestruturar unha unidade de análise e inspección urbanística pública axeitada aos nosos tempos, que priorizase aspectos tales como a eficiencia enerxética ou a integración urbanística, sen por elo menoscabar aspectos estruturais, de accesibilidade ou de melloras da súa seguridade. E co aliciente de que esta unidade serviría para analizar todos os noso edificios, e non tan só os que son xestionados polo concello. EU non entende por que se establece unha diferenciación entre o que son os locais do concello e os nosos fogares. É máis, esiximos ter a mesma inspección, a mesma “radiografía” de todas e cada unha das nosas casas e apartamentos, e que non tan só a teñan as dependencias municipais.

Esquerda Unida alerta de que en plena situación de emerxencia social o goberno municipal malgasta 1,6 millóns en analizar os edificios municipais. Somos os primeiros en apostar pola optimización de recursos e a mellora enerxética, pero coa que está a caer, semella pouco oportuno investir tal montante de cartos nunha asesoría externa ao concello. Con esta decisión vense moi claras as prioridades deste goberno, que co tempo acabará vendéndolle a alma da Coruña ao mellor postor.

O voceiro de EU-V, César Santiso, comentou que “con este contrato, márcanse as pautas a seguir para que a concellería de infraestruturas acabe nas dependencias dalgunha construtora amiga”. Está claro que o estes cartos empregados na redacción de documentos, na dirección de obras ou no asesoramento técnico e de control, no só tenta deixar en evidencia ao servizo municipal fronte á cidadanía, se non que introduce unha nova porta aberta á progresiva privatización deste área de traballo.

Relacionados