#8M Día Internacional da Muller Traballadora: Nin invisibles, nin precarias!

Dende o pasado 8M a situación mundial mudou. A pandemia visibilizou o que o feminismo e o socialismo vimos dicindo dende hai moito tempo. Un novo modelo de sociedade xusta e sostible é necesaria. Ante este capitalismo xerador de desigualdades, guerras, mortes e crises ecolóxicas, nós construímos alternativas. Levamos un ano loitando de moitas maneiras, sostendo un día a día cheo de urxencias e incertezas. Seguimos a organizarnos telematicamente, conectadas nos pobos e nos barrios,  estivemos coas nosas veciñas na redes de apoio mutuo, nos desafiuzamentos, apoiando os servizos públicos, visibilizando as tarefas de coidados, loitando pola dignidade dos empregos feminizados e precarizados e contra a pérdida de dereitos de moitas de nós: as mulleres en Brasil conseguiron que se reabrisen hospitais para garantir o dereito ao aborto, en Chile seguen avanzando nun proceso constituínte, as campesiñas de India forman parte dunhas das mobilizacións máis grandes da historia e o exemplo das polacas dános forzas para seguir loitando contra o fascismo e a extrema dereita. Por todas elas e por nós, este 8 de Marzo saímos a conmemorar a nosa forza, as nosas loitas e as nosas alianzas. Porque a nova normalidade debe ser un mundo novo, onde a produción e a reprodución estean ao servizo das persoas e o planeta.

A pandemia mostrou que somos esenciais para soster a vida en hospitais, residencias e casas: coidadoras, limpadoras, enfermeiras e traballadoras domésticas estivemos en primeira liña contra o coronavirus, pero desenvolvendo o noso traballo dende a precariedade (o 44% das mulleres ocupadas non chegamos a cobrar o SMI). É o momento de reverter as reformas laborais e atallar a precariedade e a  feminización da pobreza ante esta crise na que entramos.

Dende Esquerda Unida reivindicamos a universalización dos coidados desde a  interdependencia,  ecodependencia e corresponsabilidade cos homes, as empresas e o Estado. Non podemos permitir que os coidados continúen recaendo no traballo das mulleres, tanto o non remunerado como o remunerado pero precarizado e invisibilizado. Desde EU apostamos por un Sistema Estatal de Coidados que poña a vida no centro e articule un cambio  ecosocial, de modelo produtivo e de relación entre as persoas e co planeta. Polo que saudamos o Plan Corresponsable como primeiro paso dos moitos que debemos dar para pasar dun modelo de coidados low cost por un que garanta a dignidade para as que coidan e para as que son coidadas de maneira xusta e sostible.

Contra todas as crises agora e sempre, reivindicamos a xestión pública e común. Estamos convencidas que só dende unha visión integral que atenda as necesidades específicas de cada unha, poderemos dar unha resposta colectiva. Só desde a perspectiva feminista seremos capaces de abordar a reconstrución do tecido social, económico e público a través de estratexias de redistribución da riqueza como pulo que garantan a xustiza social. Especialmente para as mulleres pensionistas. Reclamamos pensións dignas e garantidas para todas e medidas que revertan a fenda salarial e o chan pegañento que nos aboca ás mulleres ao limiar da pobreza. Este é un exemplo  máis de por qué dende EU esiximos que se incorpore a perspectiva de xénero en todos os plans de reconstrución e que se avalíe o impacto de xénero para evitar que esta crise perpetúe a desigualdade das mulleres.

Dende Esquerda Unida reivindicamos que a nosa saúde non é unha mercadoría. No medio desta loita pola supervivencia, a industria farmaceútica duplica beneficios, 10 países mercadean co 75% das vacinas e 130 países non acceden a ningunha vacina. Esiximos unha xestión solidaria do acceso á vacinación, a eliminación das patentes e unha industria farmacéutica pública que garanta a igualdade no acceso aos recursos e que cambie a lóxica do beneficio pola do coidado, que dé respostas globais e garanta a inmunización de toda a poboación mundial.

Ante a forza do feminismo, vemos como a dereita e a extrema dereita pretenden criminalizar ao feminismo culpabilizándonos dos contaxios, á vez que negan a violencia de xénero e as desigualdades que vivimos. Mentres nós seguimos avanzando. Cada 8 de marzo volvemos fortes e xuntas enchendo as rúas, como parte dese berro global internacionalista e en loita constante que nos fai avanzar como sociedade. Mostra diso é a loita por garantir os nosos dereitos sexuais e reprodutivos a nivel global. Dende EU esiximos aborto libre, seguro, gratuíto e na Sanidade Pública para todas, educación afectivo sexual obrigatoria e para todas as etapas educativas e desde unha perspectiva feminista.

A pandemia volveu a deixar de manifesto as situacións de desprotección,  exposición ao contaxio e falta de dereitos das mulleres en situación de prostitución. Dende Esquerda Unida seguimos construíndo un camiño  abolicionista da prostitución e transinclusivo á vez que nos reafirmamos en contra dos ventres de alugueiro e a  mercantilización dos nosos corpos. Ante estas realidades, en EU expomos a urxencia dun plan integral contra o tráfico de persoas e a prostitución que articule medidas, plans, alternativas e dereitos que garantan as vidas dignas de todas as mulleres explotadas  sexualmente.

En Esquerda Unida traballamos por conformar unha fronte común, non temos dúbidas, o feminismo non é só a loita das mulleres, é un prisma que amplifica as nosas loitas, interpelando directamente ás realidades materiais de quen máis sofren e creando alianzas e estratexias para cambiar as desigualdades que vivimos día a día a clase traballadora

Relacionados