Uns e outros gobernos din que non hai máis alternativa que a perda de dereitos adquiridos tras longas loitas, ou a renuncia a sequera gozalos algunha vez. Estamos ante unha xeración que ve como os seus mundos desaparecen e outra, máis nova, que ve como aqueles mundos que lle prometeron nunca chegarán. E mentres que este 99% da poboación mundial empobrece, o 1%, dono de mercados e grandes fortunas, e con iso, de gobernos, segue enriquecéndose cunha crise da que son os principais causantes.
Este é o comezo do manifesto do 15M de cara a mobilización mundial, manifesto que Esquerda Unida como movemento político e social comparte integramente.
Esquerda Unida – Os Verdes apoia a mobilización mundial do 15M por unha saída social da crise e a defensa dos dereitos e servizos públicos, tal e como continúa o manifesto: Así, nós, mulleres e homes, habitantes deste planeta, decidimos libre e fraternalmente facer oír a nosa voz este 12 de Maio en todo o mundo. Desta maneira queremos denunciar o estado actual do noso planeta, e esixir a aplicación doutras políticas distintas, destinadas ao fomento e promoción do ben común, o ben do 99% da xente.
Compartimos as reivindicacións e o lema da mobilización “compre volver”, xa que logo, o consello comarcal de Esquerda Unida anima a cidadanía a participares na mobilización convocada polo 15M rede de barrios e vilas da Coruña que partirá o sábado, 12 de maio, da praza da palloza as 18:00 h.
Neste sentido o coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou “participarei na mobilización, ao igual que os compañeiros e compañeiras de EU-V, como un cidadán máis indignado que confía en xuntos podemos recuperar o poder popular, secuestrado polos poderosos baixo o nome dos mercados”.







