recortessociais.jpg - 4.24 Kb

Non ao copago na sanidade pública

 

 

Esquerda Unida lamenta o apoio da conselleira ao copago aos enfermos e aos recortes a sanidade pública como medida recadatoria, mentres están a aumentar os cartos para os concertos e para as empresas privadas, que xunto ao gasto farmacéutico xa suman 1500 millóns de euros no ano 2011.

 

É intolerábel esixir o copago aos pensionistas galegos para aforrar 50 millóns de euros mentres se pagan 88 millóns para privatizar a almacenaxe de material sanitario, traballo que era realizado por 200 traballadores do Sergas e que agora pasa a ser realizado pola mesma empresa que custodiaba as historias clínicas desaparecidas nun incendio.

 

A executiva nacional de Esquerda Unida crítica as declaracións da conselleira  de sanidade apoiando a negación da asistencia sanitaria aos emigrantes sen papeis que traballan na Galiza. Negar a sanidade ás persoas migrantes é unha falta de xenerosidade e de solidariedade do goberno dun pobo cuxa historia e desenrolo está fortemente vinculada á emigración.

 

A coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, suliñou que Galiza ten a poboación máis envellecida e as pensións máis baixas do estado, 165 € por debaixo da media estatal e considera que é posible e viable xestionar doutro xeito os servizos públicos sen gravar precisamente aos sectores máis prexudicados da sociedade.

Semella un camiño fácil trasladar aos enfermos o enorme gasto farmacéutico, que supón a terceira parte do gasto sanitario galego total, en vez de frear a presión da industria sobre os profesionais (un terzo dos medicamentos considéranse innecesarios e cuxo custo acaba recaendo nos pacientes).

 

Por todo isto, EU-V defende unha xestión diferente e viable dunha sanidade pública, universal e gratuíta, que garanta as necesidades de toda a cidadanía.

Relacionados