Xuntanza con Libera

Alternativa mantén unha xuntanza coas organizacións defensoras de animais que presentaron as súas propostas programáticas á coalición, das que entre outras destacan o desenvolvemento dunha nova Lei de Protección Animal na que participen os movementos sociais animalistas. A devandita lei debe eliminar as excepcións que conten a actual Lei 1/93 como o tiro ao pombiño ou a posibilidade de acceso a menores a festexos taurinos. Asemade a devandita lei debe vetar a utilización de animais salvaxes para espectáculos, como por exemplo os espectáculos circenses.

A delegación de Alternativa Galega de Esquerdas que acudiu ao encontro considera que as medidas propostas por Libera, Fondation Franz Weber e Galicia Mellor sen Touradas son lóxicas e asumíbeis. Ademais da creación da lei de protección animal, outro dos aspectos salientables é a mellora da inspección e control para facer cumprir a normativa porque tal e como denuncian as asociacións defensoras dos animais se están a producir múltiples incumprimentos coa permisividade da Administración, polo que demandan maior interese político na defensa dos animais. Algo que por suposto Alternativa asume.

O coordinador comarcal de EU Coruña, César Santiso, que participou na reunión xunto con representantes do resto de forzas políticas da coalición indico que as propostas levan o ditame positivo da delegación para que a comisión programática as inclúa na súa totalidade.

 

Relacionados