Ordenanzas fiscais

 

O Grupo Municipal se pregunta polos pasos dados polo Goberno Municipal en orde a implementar as novas figuras tributarias  acordadas a instancia de Esquerda Unida cando vai mediado o exercicio fiscal de 2010. Esquerda Unida  considera que non se están  a desenvolver os traballos pertinentes tanto para estender a progresividade  fiscal aos diversos tributos municipais canto para combater a especulación coas vivendas baleiras e evitar tamén o  deterioro físico da cidade. A nosa organización considera que estamos a desaproveitar unha magnífica  oportunidade para situarmos na vangarda da fiscalidade progresiva no eido municipal atendendo ás necesidades da cidadanía. Progresividade que se contempla no artigo 31 da Constitución e no artigo terceiro da lei 58/2003 Xeral Tributaria.

 

A Voceira do Grupo Municipal, Yolanda Díaz, reclama do Goberno Municipal que saia da parálise e adopte  accións decididas para executar os acordos e facelos efectivos, porque desta maneira estaremos a facer un traballo bon e efectivo para a mellora da nosa cidadanía. Acordos que supoñen facer  agora os traballos pertinentes para estender a progresividade noutras figuras tributarias ( non cinguila a taxa sobre os matrimonios civís ) reordenando a xestión dos ingresos e asignando o persoal necesario e planificando a progresiva aplicación da progresividade nas diversas figuras tributarias municipais.

 

Queremos salientar o atraso para facer efectivas as disposicións  tendentes a gravar as vivendas baleiras, segundo se recolle no artigo 72.4 do Texto Refundido da lei de Facendas Locais, mediante o recargo do 50% sobre a cota líquida dos bens inmobles urbáns de uso residencial desocupados de  xeito permanente. A realidade dinos que no centro da cidade de  arredor de 7.000 propietarios hai catrocentos que posúen tres ou máis inmobles. E ao traverso dos consumos de auga e electricidade hai maneira efectiva e real de coñecer a ocupación ou non do inmoble.

 

Esquerda Unida lembra que temos pendente, por parte deste Goberno, a implementación  do incremento na cota en materia de IBI para os soares que cumpran a obriga de edificar. Estamos aínda pendentes, tamén, da aprobación do rexistro de soares  e edificacións para rehabilitar, tecto este no que si se está a traballar.

 

Esquerda Unida denuncia, en suma,  a pasividade coa que o  Goberno Municipal  desenvolve o ambicioso paquete de medidas fiscais recollidas noa cordo con Esquerda Unida para aprobar as ordenanzas fiscais de 2010.

 

A nosa organización lembra que grazas a este acordo o noso concello avanzou na protección das familias monoparentais e nos casos de unidades familiares en situación de desemprego mediante a introdución de bonificacións e aprazamentos de até tres anos. A protección social cunha ollada feminista  xoga un papel esencial na definición dunha política tributaria de contido efectivo alternativo.

 

A nosa organización  valora as exencións nas taxas a asociacións e entidades da nosa cidade para a obtención de documentos oficiais, ao obxecto de propiciar unha meirande participación cidadá.

 

Trátase de completar o conxunto de medidas aprobadas, nos eidos da progresividade e a loita contra a especulación urbanística e en materia de vivenda.

Relacionados