A SEPI segue co seu engano

A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, critica que o organismo afirme que a Unión Europea prohibe a construción civil en Ferrol mentres o PP aproba unha partida ridícula en Galicia para o dique

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2013.- O Partido Popular continúa a marear ás galegas e aos galegos coa súa político sobre o naval. E concretamente co naval ferrolán. A reunión, onte, da mancomunidade de concellos de Ferrolterra con representantes da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), finalmente realizada na Coruña, non ofreceu ningunha solución á parálise do sector. Navantia asegurou que o dique flotante é “inviable” polo elevado orzamento público da infraestrutura e polo veto da Unión Europea á construción civil. É dicir, máis do mesmo: os estaleiros ferroláns continúan sen carga de traballo e o PP volve enredar coas súas medias verdades, os seus embustes ou os seus desvíos de atención.

“A emenda trampa do PP de cinco millóns de euros no pleno de Orzamentos non chegan para nada”, explica a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, “pero amosa que si se pode construír en Ferrol”. A SEPI non se comprometeu a impulsar o dique flotante e unicamente, nunha mostra máis de como se marea a cuestión, a constituír unha comisión para intentar levantar o veto. “Entrementres a comarca esmorece”, protesta Díaz, quen lembra os despedimentos que arrasaron o naval ferrolán durante o último ano. A parlamentaria de AGE esixe a Alberto Núñez Feijóo, ademais, que deixe de asentir a todas as falcatruadas do seu partido, que cumpra os seus compromisos cos traballadores do naval e procure financiamento para o dique flotante.

 

Relacionados