Non podemos explicarnos, di Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, “como ante un problema que leva máis de ano e medio en discusión no ámbito europeo só obtivo un intento de movemento por parte do PP nesta última semana” sabendo como é coñecido o importante traballo de presión que os lobbies industriais holandeses e franceses estaban facendo en Bruxelas para destruír o sector naval, especialmente ao galego que supón máis do 40% do naval privado do estado. Atopámonos diante da sentenza de morte ao naval, que imos recorrer onde o pobo, nas rúas, con ou sen os gobernos obedientes do PP.
Yolanda Díaz advirte da destrución do sector naval de se faceren efectivas as devolucións esixidas pola UE, e reclama un acordo político e social para desobedecer un mandado radicalmente inxusto: desobediencia para forzar unha rectificación da Comisión Europea.
Esquerda Unida considera que non existe alternativa seria para a construcción naval que non implique a axuda e soporte financeiro público a un sector como o naval que constrúe proxectos de elevado custe inicial, o resto son xiros baseados na economía especulativa que acaban causando desastres como o tax lease polo que seguirá defendendo a nacionalización dos asteleiros privatizados.
Esquerda Unida unida denuncia a traición ao naval da comisión europea coa complicidade dos gobernos do PP. Cómpre un urxente cambio nas políticas públicas da UE, de maneira que se recoñeza que os sectores estratéxicos da economía, atendendo a súa capacidade para producir riqueza social e o seu impacto no emprego e sobre os territorios, poidan recibir axudas públicas para desenvolver e fornecer a súa capacidade produtiva e contribuír o desenvolvemento socioeconómico e o cambio de modelo produtivo.
Esquerda Unida chama a mobilización sostida e a rebelión cidadá contra este “tiro de gracia” no futuro da nosa comarca e de localidades asturianas, bascas, canarias, etc… e non da por perdida a batalla por unha industria centenaria que ten asegurado durante xeracións non so traballo senón unha vangarda de traballadores e traballadoras con conciencia de clase importantisima para a loita sindical en tódolos sectores laborais.
Esquerda Unida pedirá unha comparecencia de urxencia do ministro Soria na comisión permanente do Congreso dos Deputados.