Apoio mobilización estudantil

Esquerda Unida apoia e participa con faixa propia na manifestación do xoves as 20:00 h con saída da praza da palloza. Os continuos recortes supoñen un ataque directo ó estudantado e á educación pública, empobrecéndoa, e favorecendo á educación privada e ás empresas que interveñen nela.

Os recortes que máis dano fixeron ó estudantado foron as coñecidas subas de taxas que xa obrigaron a abandonar a universidade a milleiros de estudantes en todo o Estado, pero tampouco debemos esquecer o intento do goberno do PP de suprimir certas carreiras universitarias por non seren “produtivas” ou rendibles economicamente.

A estes recortes xa coñecidos, temos que sumar o recente recorte nas becas SÉNECA, impedindo a mobilidade intraestatal ao estudantado que non poida costearse todos os gastos; deixando de ser a mobilidade un dereito e pasando a ser un privilexio dos adiñeirados.

O consello político comarcal de Esquerda Unida na Coruña considera que o PP está a mercantilizar o ensino, a expulsar aos fillos das familias traballadoras da universidade. Non debemos esquecer que o anteproxecto da LOMCE, mercantiliza aínda máis a educación coa introducción de axentes privados e pretenden aumentar a competitividade entre o alumnado porque ten coma fin facer da educación un negocio.

Queda patente que estes recortes non son máis que un desmantelamento da educación pública, antepoñendo a rendabilidade económica á calidade educativa, e así o pon de manifesto a mobilización activa do estudantado mediante folgas e manifestacións en todo estado.

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “apoiamos a folga estudantil e participaremos activamente nas distintas mobilizacións na procura de que Wert de marcha atrás as súas medidas ideolóxicas reaccionarias”.

 

Relacionados