Apoio folga dos empregados públicos

 

 Xornada de folga provocada polo maior ataque aos dereitos económicos e sociais das e dos traballadores  dende a recuperación das liberdades democráticas.O ataque supón un inxusto e inaudito ataque ao conxunto da clase traballadora: a rebaixa do 5% de media dos salarios das e dos empregados públicos, a conxelación das pensións ou o recorte do investimento público confirman o carácter de dereitas do receitario de medidas do Goberno.  Particularmente ferinte son as medidas que suprimen o carácter retroactivo  das axudas á dependencia, no contexto de subfinanciamento e atraso na implementación desta lexislación que se vén arrastrando. Medidas que lonxe de axudar a unha saída da crise social e democrática van lastrar a recuperación económica  ao ferir o consumo interno e debilitar aínda máis  unha moi feble demanda agregada. 

O Goberno ataca aos traballadores e traballadoras públicas e fire desta maneira unha vez máis os servizos públicos. Retrátase desta maneira a súa opción por unha política de dereitas, condescendente cos banqueiros e grandes empresarios e agresiva coa maioría social traballadora. 

A folga de mañá afirma a vontade das e dos traballadores de non recuncar máis diante dunha crise producida polo capitalismo financeiro e que estamos a pagar os de sempre, os que gañamos un xornal en troques de vender a nosa forza de traballo. Semella repugnante as manobras para enfrontar a uns traballadores con outros, a que está a xogar o Goberno.

 

O Consello comarcal fai un chamamento ás e os empregados públicos, e a cidadanía en xeral, para secundar e apoiar as mobilizacións e concentracións que ao longo de mañá vanse suceder na nosa comarca.

 

Non podemos esquecer  que o día 16 o Goberno  vai anunciar unha nova contrarreforma laboral que nos vai a afectar a todas e todos os traballadores.  Cómpre amosarlle ás claras que non imos aceptar que siga de maneira impune  a cumprir os ditados do Fondo Monetario Internacional e a tiranía dos mercados.

Relacionados