As nefastas políticas de emprego do PP, un retroceso dos dereitos

“Que tipo de emprego queremos crear, escravo ou traballo de calidade?”, pregúntase Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida. Para ela, a lectura dos datos de emprego está moi clara. “A proporción de traballadores con contrato temporal aumentou notablemente durante o goberno do PP. A duración dos novos contratos temporais é de 54 días de media, cando en 2008 era de 78 días”, apunta. “Agora, grazas as políticas de emprego do PP, os traballadores e as traballadoras teñen que firmar contratos baseados na miseria, precaridade e a desigualdade, contratos que rematan cos dereitos fundamentais das persoas ”, sinala.

Este mes tamén é especialmente cruel en termos de xénero. De acordo cos datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, as mulleres concentran o maior número de desemprego en Galicia, un total de 117.771 fronte a 98.600 no caso dos homes.

Para Díaz, “moitas mulleres traballadoras viven hoxe situacións de extrema precariedade. A maioría conforman  o último elo da cadea laboral, sofren sobreexplotación e cada vez están máis desprotexidas dos abusos empresariais”. “Amais, as medidas de austeridade do PP conducen a moitas mulleres ao traballo mergullado. Neste senso, de continuar coas actuais políticas neoliberais de desregulación das condicións de traballo e de recorte dos salarios, tristemente, nunca chegaremos a acadar a igualdade”, remata.

 

Relacionados