Asemblea Aberta en Ferrol

convocatoria de asemblea aberta a todas as persoas que entenden o valor que para a defensa dos nosos dereitos e para a construción dunha alternativa de esquerdas plural e unitaria xoga na actualidade ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA.

“Fornecer o traballo social unitario e ampliar a base social de AGE son os eixes básicos para derrotar a carnicería social que provocan os recortes do PP”, sinala a deputada de AGE, Yolanda Díaz.

Son tempos onde hai que saber sumar forzas para construír unha alternativa social á barbarie dos recortes e dos paus do PP. Aínda onte se suicidou outra persoa afogada pola cobiza dos bancos e a complicidade criminal do goberno Rajoy. A desgrazada acción desa persoa deixa ao descoberto a inanidade do decreto recentemente aprobado sobre os desafiuzamentos e da razón as críticas verquidas por EU neste eido. A deputada de AGE salienta a forza que está a coller ese novo suxeito político que é ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA. “Non defraudaremos a esperanza de loita unitaria para transformar pola esquerda a esta sociedade”, sinala Yolanda Díaz.

Yolanda Díaz achégase a súa terra, consciente do valor que ten Ferrol como  laboratorio avanzado na reconfiguración das forzas políticas  e sociais críticas co sistema capitalista. Dende hai anos, esta cidade expresa unha dinámica unitaria de loita e traballo social por colectivos diferentes que saben antepór o moito que os une sobre as lexítimas singularidades e diferenzas que lle son propias.

A tarefa é clara e urxente: continuar a fornecer a unidade e a base social de ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA para derrotar e erguer unha saída social e democrática á crise capitalista que tan duramente cae sobre as costas desta cidade.

 

Relacionados