Atraso no pagamento do RISGA

 

 O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes sinala que con este tipo de mensaxes a Xunta de Galicia está preparando á cidadanía galega para o desmantelamento do estado do benestar.

 

Primeiro coa orde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia do 5 de setembro de 2011 pola que se actualizaba o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego, amosaron problemas institucionais de coordinación que provocaron a exclusión temporal ao acceso a servizos médicos e farmacolóxicos de estes colectivos social e economicamente desfavorecidos. Así, debido a trámites burocráticos os galegos e galegas en situación de desemprego de longa duración viron como se bloqueaba a súa tarxeta sanitaria e desapareceron as súas prestacións durante o tempo no que o se tramitaba o expediente correspondente, tendo que abonar as consultas médicas que necesitaban.

 

Agora a Xunta atrasa o pagamento da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), único recurso económico que moitas familias teñen para dar de comer ós seus fillos, xa que os beneficiarios da mesma se encontran en situacións económicas límite.

 

Esquerda Unida considera intolerábel que a Xunta achaque a erros informáticos o impago da RISGA a algunhas familias coruñesas. Semella curioso observar como os supostos erros e problemas de coordinación administrativa da Xunta de Galicia se ceban sempre nos colectivos máis desfavorecidos e con menos capacidade de protesta e defensa, deixándoos sen cobertura sanitaria, farmacolóxica ou sen recursos para alimentar os seus fillos.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “en novembro os parados de longa duración quedaban sen sanidade por problemas administrativos, agora os mais necesitados quedan sen RISGA por problemas informáticos. As desculpas da Xunta non teñen fin para xustificar os recortes aos mais desfavorecidos”.

Relacionados