transporte pblico.jpg - 36.71 Kb

Baixada de usuarios no transporte público

 

É inadmisible que se empregue de novo a crise económica como unha das causas desta baixada. A lóxica indica que un transporte público de calidade, eficaz e eficiente, sería unha solución para os veciños e veciñas nos seus desprazamentos programados. Non se pode xustificar a baixada de usuarios con escusas puerís, pois se hai un ano as escusas eran que houbera máis días laborables no ano precedente ou que as xustas reivindicacións dos gandeiros, coas súas tratoradas, supuxeran un retraemento dos usuarios, agora, neste 2011, temos que escoitar que a baixada obedece a causas como que houbo dous días nos que a neve impediu o transporte ou que a xusta e necesaria folga xeral de setembro causou esta baixada. É totalmente absurdo.

 

En Esquerda Unida Compostela temos claro que todo pasa por unha dobre mala planificación. As numerosas obras realizadas nestes anos, levadas a cabo sen a necesaria planificación, non evitaron o efecto tapón nas diferentes estradas e rúas da cidade. Cando era máis necesario ca nunca unha planificación ordenada das obras, acompañada dunha boa planificación para fomentar o uso do transporte público, puidemos comprobar como todo foi bastante caótico. Se o bus chega tarde, e con iso se chega tarde ao traballo, se o bus non comunica de forma áxil os lugares os lugares de traballo cos residenciais, se non amplia as frecuencias, se non cumpre cos horarios, a xente desiste e procede a usar o vehículo privado. Ao facelo increméntase o problema da mobilidade que podemos resumir na seguinte formulación:  

 

obras mal planificadas + transporte público ineficaz + uso crecente transporte privado = caos circulatorio + contaminación ambiental e acústicas + deterioro da habitabilidade xeral da cidade.

 

Esquerda Unida Compostela reafirma a necesidade dun Plan Global de Mobilidade, sustentable económica e medioambientalmente, e que, por suposto, conte coa participación dos veciños e veciñas, na procura dese transporte público de calidade, eficaz e eficiente, que leve a conquerir a cidade habitable e ecolóxica que necesitamos.

 

Plan que debe abranguer todos os aspectos esencias do transporte público que a cidadanía desexa, dende accesibilidade, frecuencias, información permanente e actual, até proxectos máis ambiciosos nos que bicicleta e o tren de proximidade deben ter a importancia que o PSdG e o BNG aínda lles negan nos feitos.

Relacionados