Concentración contra a reforma local

Esquerda Unida, como organización política que sae da rúa e non de arquitecturas institucionais ficticias, considera o goberno como sometido á sociedade e non á inversa. Javier Galán, voceiro municipal, reflexiona sobre esta reforma:

“É unha reforma recentralizadora e ideolóxica. Converten ás deputacións en órganos reitores das necesidades da veciñanza. Repítese o modelo troika-estados nacionais a pequena escala: os concellos perden autonomía e posibilidade de atender aos veciños e veciñas que os escolleron, e os servizos básicos pasan a depender de entes non electos, como son as deputacións. No horizonte: perda de emprego público, servizos sociais onerosos e deficitarios e privatizacións para enriquecemento duns poucos en detrimento do xa raquítico estado de benestar”.

EU forma parte da reacción social unánime contra a liquidación do público, as novas colonias que a devastación capitalista explota xa non están en África ou América do Sur, están na cidadanía, e, concretamente, na poxa dos servizos públicos que traen como consecuencia empobrecemento social e perda de calidade de vida cidadá.

A aprobación desta lei suporá a anulación de facto dos programas da esquerda vertebrados ao redor da xente do común, impedirá remunicipalizar servizos, como Emafesa ou a axuda no fogar, crear empresas públicas para crear emprego e servir de estímulo á depauperada economía produtiva comarcal, e o tecido asistencial público será desmantelado.

Por iso facemos un chamamento á rebeldía cidadá e a acompañarnos á Coruña o día 19 ás 12:00 fronte á Delegación do Goberno, para o que nos desprazaremos nos autobuses postos a disposición polas organizacións sindicais e abertos a toda a cidadanía.

Relacionados