Concentración en solidariedade co xuíz Garzón

Esquerda Unida quere amosar a súa solidariedade co xuíz Baltasar Garzón, que está sufrir unha campaña de acoso a partires da súa tentativa para esclarecer os crimes do franquismo e, desta maneira, axudar ás vítimas e a necesaria recuperación da memoria histórica.

O Consello local de EU considera inaceptable que se abra un expediente de suspensión a un xuíz polo feito de tentar investigar os crimes franquistas, máis aínda cando a querela admitida a trámite realizouna unha organización de extrema dereita vinculada a Falanxe, único partido legalizado na dictadura.

En España, ao contrario que no resto de Estados Europeos que acadaron de seguido a normalidade democrática, seguen sen resolverse os crimes cometidos na dictadura franquista e, incluso, perséguese a quen trata de facer xustiza. 

 

Para Esquerda Unida semella igualmente sorprendente a pretensión da dereita española de minar o esforzo xudicial por tentar esclarecer tramas de corrupción como o chamado caso Gürtel a través de constantes querelas criminais.

 

Esquerda Unida considera que o que está a ocorrer no presente caso non é só unha actuación contra un xuíz, senón que o que se traslada á cidadanía é que neste Estado hai asuntos e persoas que son intocables e que actuar contra eles supón, aínda hoxe, atraerse graves consecuencias.

 

Estas actuacións xudiciais comezadas polos ámbitos da dereita e a extrema dereita do noso país, supoñen un pulso inaceptable á democracia e á xustiza, que non debe ser amparado polos órganos de goberno dos xuíces.

 

Relacionados