Concentración Salva O Tren

 

A concentración desenvolveuse en Vigo, xuto onde o Ministro José Blanco deixou inaugurada a estación provisional de Guixar.

 

O día anterior, a  Plataforma xa protagonizase unha acampada en Chapela para amosar o seu rexeitamento ao peche da estación, consecuencia da actual política do Goberno central en materia de infraestruturas ferroviarias. Este colectivo ven loitando infatigablemente dende hai catro anos contra o desmantelamento da rede ferroviaria convencional e esixindo inversións nunha rede de proximidade vertebradora e socialmente útil.

 

Ese é o motivo de que Esquerda Unida veña apoiando os actos protesta de Salva o Tren, con quen comparte reivindicacións non só en canto á esixencia dunha rede de proximidade eficiente con vocación de servizo público, senón tamén polo que supón de crítica ao actual modelo ferroviario de “todo AVE”, pois consideramos que esta versión elitista e despilfarradora do ferrocarril promove a desigualdade territorial, dificulta o acceso ás pequenas localidades privilexiando os grandes núcleos e potencia a desigualdade social ao impoñer uns prezos inaccesibles para gran parte da cidadanía.

 

As propostas de EU seguirán insistindo na necesidade dun sistema de transportes vertebrador do territorio e sustentable que considera o tren como unha peza clave para acadar ese obxectivo. A consigna escoitada no acto de protesta, “menos autovías e máis cercanías”, expresa perfectamente o desacordo coa política de transportes desenvolvida polos gobernos centrais dende hai moitos anos, que se centran case exclusivamente na construción de grandes infraestruturas (AVE, autovías, aeroportos…), ignorando tanto os inaceptables impactos ambientais que ocasionan como a escasa rendibilidade social que obtén deles a cidadanía.

 

O fomento e a modernización do tren convencional (longas e medias distancias, e proximidade) é  unha das poucas respostas viables que se poden dar para afrontar os problemas de mobilidade actuais e no futuro, e por ese motivo estámolo a converter nunha das demandas prioritarias nas propostas de EU.

Relacionados