Vilagarcía de Arousa. O profesor Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz (candidatos nacionais), acompañados por Juan Fajardo (cabeza de lista por Pontevedra), Chus Pérez e Bernarda Rubianes (candidatas quince e oitava por Pontevedra), realizaron un acto de campaña nunha ateigada Praza da Peixeira. Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz falaron da débeda ilexítima e de dar representación a democracia fronte aos mercados.
Sintonía coa cidadanía
A xovencísima Chus Pérez abriu o acto confiada en que “grazas a sintonía coa cidadanía, Alternativa Galega de Esquerda levará a rabia e a forza da indignación do pobo á Xunta de Galicia.”
Tomou o relevo no atril Bernarda Rubianes, que realizou unha introdución as problemáticas que afectan ao país, “mozas e mozos forzados a emigrar, concentración da riqueza en poucas mans, unha caste política incompetente e corrupta que deixa unha débeda que deberá de pagarse por xeracións…” Deu as grazas a concorrencia polo apoio e a simpatía que están a demostrar, “mentres outros gastan cantidades inxentes en valados publicitarios, en anuncios e cuñas, nós temos que agradecer o esforzo por falar e espallar a mensaxe na rúa”.
Democracia ou mercados
Yolanda Díaz foi a seguinte en coller o micro, respondeu con contundencia aos berros de “Hai que paralos!” procedentes da bancada, “Alternativa Galega de Esquerda viño para quedar, crecer e seguir sumando, para que xuntos sexamos invencibles”.
A candidata expuxo a necesidade de unión para “dar representación política a loita democrática, pois os mercados xa están no parlamento galego mentres o pobo está fora das decisións”. Yolanda Díaz apelou a ter unha visión ampla dos problemas de Galicia e a atopar aliados que axuden a tombar a Troika interna que personificou en Feijóo, Rajoy, Merkel e os seus colaboradores.
Pechou a súa intervención coa petición de participación electoral masiva da poboación, “que non decidan por nós”. A candidata explicou que nestas eleccións está en xogo o futuro do país, do Estado e do conxunto de Europa. Solicitou a confianza en Alternativa Galega de Esquerda para dar protagonismo a cidadanía e ampliar a democracia.
As SICAV incrementan os seus beneficios nun 50%
Juan Fajardo mostrouse moi crítico na súa intervención coas medidas de Feijóo e Rajoy. Recordou o recente dato de aumento do 50% nos beneficios das SICAV. Declarou que mentres que “Feijóo leva unha candidatura para defender os intereses do 1% que ten o 80% do país, Alternativa presentase para facer que se devolvan os recursos roubados a maioría social”.
O candidato afirmou que a loita contra a fraude e a corrupción comeza por garantir as necesidades básicas da poboación, para facelo libre e que poda defenderse, e logo auditar a empresas como as eléctricas que incorporan nas súas xuntas directivas aos excargos políticos José María Aznar ou Felipe González, que mentres declaran perdas aumentan a contía das facturas que paga a cidadanía con colaboración gobernativa.
Juan Fajardo chamou a dar a coñecer a tódolos indecisos o programa de Alternativa Galega de Esquerda, “hai que convencer aos que pensan que a política da igual”. Expresou o seu convencemento de que a forza dos argumentos servirá para evitar que o discurso de Feijóo amarre “a soga ao pescozo dos cidadáns amedrentados pola propaganda negativa de Feijóo”.
O votante estase a tratar como unha mercadoría
O profesor Xosé Manuel Beiras mostrou o seu convencemento de que “é posible e necesario dar a volta a situación”. Argumentou que a táctica do medo non funcionará debido a marea de esperanza que recorre o país e recorrerá Europa. Falou de reversión do espolio financeiro, do espolio enerxético, do espolio das liberdades políticas e do espolio da vontade.
O profesor quere que dentro da política representativa a cidadanía elabore as súas expectativas para que o votante deixe de tratarse como unha mercadoría. “A día de hoxe a política entendese como mercadotecnia, non se da espazo para unha verdadeira construción da expresión social, iso ten que cambiar”.
Referiuse a débeda como reducible dende o enfoque da persecución da fraude e a corrupción e reducible cunha auditoría política e cidadá para identificar a parte ilexítima. Xosé Manuel Beiras animou a, de ser necesario, facer o mesmo que en Islandia e poñer a vontade da poboación por enriba dos mercados.