Alternativa en Cangas

Compartiron mesa con Méndez Ferrín (Presidente da Real Academia Galega) e cos concelleiros de Alternativa Canguesa de Esquerda, Mariano Abalo (FPG) e Xosé Manuel Pazos (EU).

Un acto de campaña onde primou a emotividade, cunha posta en escea que conectou coa historia do movemento obreiro e sindical de Cangas, xermolo da coalición que cada vez integra a máis grupos e organizacións transformadoras.

Mónica Caamaño, actriz de teatro e televisión, introduciu o acto falando de “lume novo” e da necesidade de actuación “para que os responsables devolvan o roubado”. Mariano Abalo exerceu de mestre de cerimonias, presentado a cada un dos intervintes.

Chelo Martínez, candidata segunda por Pontevedra, decribiu a Alternativa Galega de Esquerda como unha parte fundamental das movilizacións dos países do Sur de Europa que trantan de poñer a democracia por riba dos mercados.

Considerou as reformas dos Gobernos de Rajoy e Feijóo de ideolóxicas, por antepoñer os intereses persoais ás necesidades da poboación. Non encontrou que a situación económica sexa xustificatoria das medidas de recorte de liberdades civís e de privatizacións, que por un lado desincentivan a movilización e por outro enriquecen a uns poucos mentres encarecen os servizos básicos que precisa a cidadanía.

Juán Fajardo, cabeza de lista provincial, asegurou que hai moito en xogo e que a decisión de Galicia afectará a política Europea, “dende este pequeno país comeza a revolución en Europa.”

Apelou á conciencia para non apoiar a un rexime que permite que a poboación camiñe cara a miseria “mentres o rei caza elefantes en África”, e animou a non permitir que se pida o voto para Feijóo sen explicar porqué “precisa fletar 150 autobuses para encher o auditorio dunha cidade”.

Xosé Manuel Pazos, alertou do “cambio de rumbo político que muda o estado de benestar en estado de beneficencia” e que “o primeiro obxetivo é frear a maioría absoluta para frear a corrupción e propor alternativas en colaboración coa xente da rúa”.

Yolanda Díaz, cabeza de coalición co profesor Xosé Manuel Beiras, afirmou que Alternativa Galega de Esquerda chegou para quedarse. Admitiu que o apoio de Front de Gauche e Syriza responde a unha vontade xeneralizada de transformación europea, xurdida dende os agredidos polos grandes defraudadores.

Yolanda Díaz mostrouse confiada en acadar un bo resultado que sirva de pulo para que outros pobos e comunidades se sumen a resitencia, que permita unha maior converxencia de forzas que loiten por unha alternativa.

Referiuse a Núñez Feijóo como un eslabón do goberno ao servicio dos mercados e os grandes intereses empresariais, derrotado políticamente e únicamente no poder a través de un forte investimento en propaganda, co ferreo control dos medios de comunicación. Na súa opinión está desconectado da sociedade e cando declara que “leva 20 anos sen comer na casa demostra que non sabe do que fala.”

O escritor e candidato Xosé Álvarez Cáccamo fixo a presentación do Presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, entre o aplauso xeneralizado do auditorio. Defendeu que a unión e a “radicalidade democrática unida á rúa” son as liñas nas que os movementos políticos honestos se deben desenvolver.

Méndez Ferrín debullou as conexións entre a unión responsable e a necesidade, recordou os momentos nos que foi necesaria esa unión para evitar escenarios de catástrofe, “hai momentos en que o inimigo é tan poderoso, a incertidume e a inseguridade tan terribles, que se impón a unión das forzas populares ou será o inferno no mundo”.

Animou a cidadanía a apoiar a Alternativa Galega de Esquerda para plantar cara contra “un capitalismo monopolista de estado” que elimina as aspiracións de benestar e desenrolo das sociedades.

O acto rematou coa solicitude de apoio aos compañeiros do 15m congregados na praza do concello e coa intepretación do Himno Galego.

 

Relacionados