Desigualdade entre barrios

 

Esquerda Unida denuncia que o concello ofrece un trato desigual entre barrios, mentres nuns desenvólvense faraónicas obras millonarias, noutros atópanse rúas en estado ruinoso. Barrios como os Mallos, Castrillón, Sagrada Familia ou Agra presentan graves carencias e rúas en estado deplorábel.

 

O consello comarcal faise eco das denuncias da veciñanza dos Mallos e demanda unha intervención urxente na rúa Iberia para resolver a vergoñenta situación actual. Por qué o concello desatende ao barrio dos Mallos? Por qué non desenvolve un mínimo investimento para limpar a maleza e asfaltar a rúa?

 

Por outra banda, semella inxusto que algúns barrios como Os Castros ou Los Rosales non reciban investimento algún no 2011, a pesares de que a veciñanza ten solicitado actuacións necesarias.

 

O coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía, César Santiso, indicou “resulta indignante atopar zonas nun estado tan lamentábel en pleno século XXI, está claro que o concello non escoita a veciñanza pois cos millonarios fondos recibidos non foi quen de resolver os problemas básicos que teñen algúns barrios”.

 

César Santiso considera que este tipo de situacións confirman a urxente necesidade de que A Coruña desenvolva orzamentos participativos para que a veciñanza poida decidir sobre as cuestións do seu propio barrio.

Relacionados