Desmantelamento da cultura

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2013.- Os ataques do señor Núñez contra a cultura galega non se deteñen. Desta volta, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), onde hoxe se publican as denominadas “axudas ao talento” cinematográfico. Logo de non se convocar o pasado ano, para este exercicio a Consellaría de Educación e Cultura gastará 66.000 euros nas mesmas. En 2011, o ano anterior en que saíron á luz, foron 150.000. En 2009, 500.000. Os recortes foron brutais. Pero é que cada anuncio do departamento de Jesús Vázquez relativo á cultura galega contén abusos e menosprezos. A nova convocatoria de axudas ao talento –destinadas a beneficiarios individuais e non a produtoras- supón outra contribución da Xunta do PP á destrución da cultura galega. Non é a única.

Estes días tamén emerxía á luz pública que a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) non convocará os premios a textos teatrais que respondían aos nomes de Barriga Verde, Manuel María e Álvaro Cunqueiro. “A única política cultural dos señores Vázquez e [Anxo] Lorenzo é o esnaquizamento”, sinala o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xabier Ron, quen cualifica de “esmola” os 66.000 euros das axudas ao talento. “Son esmolas, non unha política real de promoción dos novos cineastas”, engadiu.

Relacionados