Despatolixación Identidades Trans

Pese aos avances na loita, vemos intentos de facer retroceder as conquistas trans, como podemos ver polas accións do Ministerio de Sanidade, que puxo o foco dos seus recortes en prestacións sanitarias como a cirurxía de resignación de sexo, decisión que xa foi rexeitada pola comunidade transexual.

As asociacións de persoas transexuais levan anos denunciando a deficiente atención que prestan as UTIX (Unidades de Trastorno de Identidade de Xénero) nos hospitais públicos. As súas denuncias céntranse nas demoras excesivas das citacións; no desenvolvemento de avaliacións psicolóxicas que violan os protocolos estándares, así como na utilización de test sexistas, desfasados e orientados á heterosexualidade obrigatoria. Ademais, explican que o excesivo centralismo do sistema especializado empeora a calidade deste servizo público facéndoo case inaccesíbel para a grande cantidade de demandantes.

Esta situación provoca que moitas persoas acaben abandonando o proceso na sanidade pública, recorrendo á atención privada ou á autohormonación, cos graves riscos que iso supón para a saúde. Así, nos últimos anos os colectivos de transexuais veñen reclamando a descentralización da atención sanitaria especializada a persoas transexuais ao longo de todo o territorio do Estado Español, no que defenden como un uso eficiente dos recursos sanitarios e económicos, á vez que como unha maneira eficaz de axudar a ampliar a rede de servizos sociais ofrecidos polas institucións ás cidadás e cidadáns.

Por todo isto, e como vén sendo habitual, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos necesario o apoio de todas as institucións públicas ao colectivo de persoas transexuais, e por isto propoñemos os seguintes

ACORDOS

Primeiro. Instar ao Concello a adquirir un compromiso institucional firme de cara á inserción laboral das persoas transexuais, que constantemente sofren situacións de discriminación laboral, sendo relegadas en numerosas ocasións ao exercicio da prostitución. Para esta fin sería útil deseñar e implementar un plan municipal de inserción laboral de persoas transexuais.

Segundo. Instar ao Concello á posta en marcha de campañas de concienciación cidadá orientadas á visibilización e recoñecemento social da transexualidade e á loita contra a transfobia

Terceiro. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para garantir a prestación sanitaria de todo o proceso integral de atención sociosanitaria a persoas transexuais, incluída a cirurxía de reconstrución xenital, tal e como veñen demandando todos os colectivos de transexuais, así como a descentralización das unidades sanitarias especializadas, favorecendo a oferta de especialistas en todas as Comunidades Autónomas.

Cuarto. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para a aprobación e desenrolo dunha “Lei Integral da Transexualidade” que responda ás necesidades reais das persoas transexuais nos ámbitos educativos, sanitarios, laborais, etc.

Quinto. Instar ao Concello a presionar e negociar cos gobernos central e autonómico para a aprobación dunha lexislación específica contra a discriminación a persoas transexuais, que polo xeral se atopa desamparadas en base á lexislación vixente, que recolla as demandas e reivindicacións dos seus colectivos e asociacións.

Sexto. Instar ao Concello a solicitar ao goberno central a reforma da Lei 3/2007, do 15 de marzo, reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas, en consideración das demandas do colectivo transexual, polas que se solicita a eliminación do “diagnóstico de disforia de xénero” como requisito imprescindíbel para realizar o cambio rexistral do nome

Relacionados