Comedores sociais

Esquerda Unida considera fundamental a creación dunha rede de comedores sociais municipais para paliar a situación de emerxencia social. Unha rede que se instaure priorizando os barrios segundo o seu índice de exclusión social, asegurando así que todos os coruñeses e coruñesas teñen acceso a unha alimentación digna. Na devandita rede traballarían en sinerxía os comedores xestionados por entidades privadas cos públicos de nova creación, descentralizando a oferta e evitando a concentración de marxinais, o que evitaría a reticencia de facer uso destas instalacións polos anomeados “novos pobres”, cidadáns integrados socialmente aos que a crise puxo no limiar da pobreza.

O aluvión de solicitudes de comidas recibida pola cociña económica, que ten desbordada a entidade benéfica dende que descentralizo o seu servizo de comedor, avalan a nosa aposta pola vertebración do territorio municipal implantando unha rede de comedores sociais nos distintos barrios para cubrir as necesidades básicas da veciñanza.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes entende que a loita contra a exclusión social só se gaña cunha actuación integral liderada polo Concello, que vertebre a loita contra a pobreza. Urxe por tanto desenvolver un plan liderado polos servizos sociais do Concello para que coordinen de forma efectiva ás distintas accións públicas coas iniciativas privadas desenvolvidas polas ONG que traballan neste ámbito.

A creación de novos servizos municipais de protección social como o serían unha rede de comedores sociais ou dun Centro Municipal de Inclusión Social permitirían despregar os recursos suficientes para xerar unha acción integral a prol das persoas que se atopan nesta situación de grave necesidade, pero que respondese ao seus moi variados perfís. Este Centro polivalente permitiría atender tanto aos elementos estruturais para saír da situación de emerxencia, como aos de carácter sociosanitario e sociolaboral.

O voceiro de EU-V. César Santiso considera unha vergoña a inactividade do Goberno Municipal fronte á cobertura deste Dereito Universal, labor que por fortuna desenvolven as entidades privadas na medida das súas posibilidades”.

Relacionados