Draga e porto carboeiro

 

A nosa organización lamenta que os afáns das administracións públicas, neste caso Fomento, vaian no sentido de facilitar a entrada de gaseiros  a unhas instalacións que suman  sentenzas xudiciais en contra e seguen nos tribunais, e que supoñen unha ameaza certa para a seguridade e a vida cidadanía de Ferrolterra, asemade de danar a riqueza natural da ría de Ferrol coa súa derivación económica engadida.

 

Esquerda Unida lembra as numerosas alegacións presentadas por diversos colectivos que insisten na falla de rigor  nas formulacións do proxecto e do Estudo de Impacto Ambiental, asemade de recoñecer que a actuación do dragado se desenvolverá nunha zona LIC de alto valor ecolóxico, e sen esquecer a inconsistencia dos datos de partida do proxecto de dragado  entre outras consideracións expostas nas alegacións.

 

Pola outra banda, o Grupo Municipal de Esquerda Unida aproveita para expór a súa oposición á proposta  de  ampliación  do porto carboeiro. A nosa organización afirma que xa son demasiadas as agresións sufridas pola ría, sendo a perda do actual espazo do porto carboeiro unha grave quebranto da riqueza marisqueira  que posúe a nosa ría.

 

Aínda co gallo das alegacións presentadas ao estudo informativo e  estudo de impacto ambiental para os accesos ferroviarios ao porto exterior, a nosa organización reclamou nas súas alegacións ao Ministerio de Fomento que, como medida compensatoria, se proceda a levantamento do porto carboeiro, dado que as descargas de carbón teñen no porto exterior o espazo axeitado para elas.

 

Yolanda Díaz salienta a necesidade de que nestas actuacións se garanta a preservación da riqueza que agocha a nosa ría, a pesares de tantas agresións, e a seguridade da nosa veciñanza, cuestións ámbalas dúas que están por riba das oportunidades de negocio privado  a curto prazo.

Relacionados