Esquerda Unida considera que a modificación dos requisitos para acceder ás listaxes do profesorado interino é un novo ataque á calidade do ensino público galego

A área de Educación de Esquerda Unida insta á Consellería de Educación á retirada desta modificación no criterio de acceso que foi introducida de costas ás forzas sindicais.

A área de Educación de Esquerda Unida manifesta o seu frontal rexeitamento á modificación introducida pola Consellería de Educación da Xunta en relación aos requisitos para acceder ás listas de interinaxes e substitucións e insta á Consellería á retirada da mesma.

Para Esquerda Unida, esta modificación de criterio supón un novo ataque á calidade do sistema educativo galego ao supor unha revisión moi á baixa en relación á formación esixida ao profesorado para entrar en listas dunha determinada materia (toda vez que non aprobasen o primeiro exame). A  modificación imposta pola Consellería afonda claramente na política precarizadora que vén desenvolvendo coa ampliación das “materias afíns” (aquelas que pode dar un docente aínda que non se corresponda coa súa especialidade) que nace dun criterio exclusivamente economicista e que dificulta cada vez máis ao profesorado o exercicio dunha acción educativa rigorosa e de calidade.

Esquerda Unida considera así mesmo que ao aceptar como requisitos para a homologación aqueles que só se aplicaban no ensino privado, supón un agravio comparativo para o profesorado que ven desenvolvendo a súa actividade no ensino público fronte aos que o fan ou fixeron na privada. Por último, tamén supón un novo golpe para titulacións e docentes de especialidades xa “castigadas” coa contrarreforma educativa da LOMCE que se cebou de forma insistente nas especialidades de corte humanista.

Por todo isto, Esquerda Unida denuncia que con esta modificación feita ás costas da comunidade educativa e, particularmente, á representación sindical dos traballadores e traballadores públicas (esta modificación non estaba presente no borrador da orde debatido na mesa sectorial do 3 de marzo) amosa novamente a faciana autoritaria e antidemocrática que constitúe o selo característico do que facer da Consellería de Educación ao longo dos distintos gobernos Feijóo.

Relacionados