Esquerda Unida participa no II Memorial dos Irmáns da Lexía, en Guitiriz

Guitiriz acolle, este sábado 17 de agosto, o II Memorial dos Irmáns da Lexía, unha homenaxe aos deportistas que morreron vítimas da violencia da represión franquista e representadas nos irmáns Bebel, Jaurés, France e Pepín, os tamén coñecidos como ‘Irmáns da Lexía’, xa que traballaban nunha fábrica familiar de produción e distribución de lexía. Este evento está organizado pola Asociación Xérmolos e os Riazor Blues, co apoio de diferentes asociacións da Memoria, así como Esquerda Unida, o Partido Comunista de Galicia e as Xuventudes Comunistas.

Pouco despois do Golpe militar do 18 de xullo de 1936, Bebel, xogador do Deportivo e militante antifascista, foi detido, recluído no cárcere provincial da Coruña, xulgado por rebelión militar e fusilado o 29 de xullo no Campo da Rata, con 22 anos.

Pertencía ás Juventudes Socialistas, participou na defensa do Goberno Civil e moi activamente na defensa da cidade contra os sublevados, trasladando a milicianos a puntos de defensa e a feridos ao hospital Labaca e facendo chegar alimentos a ese lugar.

Este foi o mesmo destino do seu irmán France, ciclista e boxeador, de 24 anos. O terceiro irmán, Jaurés, menor de idade, tamén foi encarcerado e apareceu morto no Campo da Rata. Un destino diferente viviría o carto irmán, José, de 25 anos, que deu fuxido nun barco pesqueiro ata Francia e, despois, a Sudamérica.

O espírito humanista e deportista de Bebel, plasmado tamén polo escritor uruguaio Eduardo Galeano, fai deste evento unha cita perfecta para trasmitir á mocidade e á cidadanía os valores do humanismo e o deporte.

 

Relacionados