Esquerda Unida súmase á concentración do Foro Galego de Inmigración polo “Dereito ao Refuxio”, na Coruña

Esquerda Unida súmase, xunto a outras organizacións e colectivos, á concentración do Foro Galego de Inmigración “Dereito ao Refuxio”, que terá lugar este mércores 14 de agosto, ás 20 horas, diante da Subdelegación de Goberno da Coruña para rexeitar o abandono do Goberno español e de Europa aos migrantes que están nos barcos “Open Arms” e “Ocean Viking” e esixir un porto seguro para as persoas que están abordo

Segundo os datos da Organización Internacional das Migracións, tan só no que vai de 2019, unhas 840 persoas perderon a vida no Mediterráneo.

Agora mesmo, dous barcos, “Open Arms” e “Ocean Viking”, este último de Médicos sen Fronteiras e SOS Mediterranée, esperan autorización para levar a porto seguro en Malta ou Italia a mais de 450 persoas, xa que están ao límite de carga.

Mentres que Italia segue a ameazar a todo barco que entre nas súas augas territoriais con multas de ata un millón de euros e con reter aos barcos de rescate, Malta non concede autorización para entrar e España desenténdese destes barcos.

Estes gobernos non respectan o dereito internacional e incumpren vergoñentamente coas obrigacións que lles impón o dereito internacional ao negar un porto seguro ás persoas que poderían sufrir tortura se son devoltas a Libia e que están esgotadas e necesitan protección e coidados.

Ante a inacción do Goberno, Izquierda Unida rexistrou catro preguntas sobre o barco de salvamento “Open Arms”, nas que esixe unha resposta ao Goberno sobre as accións diplomáticas que se esperan ‘dun executivo progresista’ para mediar con outros países do Mediterráneo a prol da axuda aos rescatados do “Open Arms”.

Dende Esquerda Unida denunciamos o trato inhumano e degradante que supón esta espera no mar para as personas que malviven nos barcos, que o goberno español non medie para lograr o seu refuxio inmediato e esiximos vías de acceso seguras para as persoas solicitantes de asilo. Por todo isto, chamamos á participación na concentración diante da Subdelegación de Goberno da Coruña.

Relacionados