Esquerda Unida reúnese coa Confederación Intersindical Galega no marco da crise do Covid19

A dirección nacional de Esquerda Unida vén de reunirse con representantes do sindicato CIG nun primeiro contacto para abordar coñecer a súa valoración sobre a situación económica, social e laboral en Galicia derivada pola crise do Covid19.

Esta xuntanza á que acudiron o secretario de organización Rubén Pérez e a coordinadora nacional Eva Solla, celebrouse telemáticamente e responde á rolda de contactos que a organización está a levar a cabo con colectivos e organizacións sindicais para coñecer a súa análise en materia laboral e económica, así como das medidas dependentes tanto do Goberno Central como do Autonómico.

Existe unha necesidade de dar solucións ao conxunto da clase traballadora, na súa grande maioría afectada pola crise no ámbito laboral, non só naqueles casos onde se cursaron expedientes de regulación de emprego temporal, se non tamén naqueles nos que a non renovación de contratos deu con moitas traballadoras e traballadores á rúa. A necesidade de medidas urxentes que atendan estas situacións foron algúns dos elementos que se trataron na xuntanza.

Esquerda Unida coincide na avaliación que a central sindical fai sobre o necesario reforzamento do sector público e na toma de medidas para evitar que o impacto da crise se faga sobre o peto da clase obreira.

Ante este elemento, defendemos que a necesidade de adoptar medidas a curto, medio e longo prazo pasa obrigatoriamente por escoitar e atender as valoracións e propostas da totalidade dos representantes da clase traballadora. Con este motivo continuaremos coa rolda de xuntanzas que nos permita traballar nas propostas en materia laboral, productivo e de protección social.

Relacionados