Este domingo en Compostela estivemos dando a benvida ás nenas e nenos saharauís que un ano máis estarán en Galicia no marco do Programa Vacacións en Paz, de Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí). Pero non só era unha xornada de benvida, senón que na concentración tamén reivindicamos o necesario cumprimento das sentenzas e resolucións firmes co pobo saharauí e o seu dereito de autodeterminación e de vivir en paz e libertade na súa terra.
Nesta concentración, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, manifestaba que “é un bo momento, 42 anos despois do abandono do Sáhara por parte do estado español, para continuar reclamando os dereitos do pobo saharauí”. No contexto estatal, Eva Solla lembrou que “actualmente, co cambio do goberno central, tamén é un bo momento para esixir o cumprimento das resolucións emitidas polas Nacións Unidas e sentenzas en materia de dereito internacional”, así como “a negociación dende a UE, coa presenza de España, dun acordo de pesca, que neste caso ten moita importancia en Galicia, que respete as sentenzas e os dereitos do pobo saharauí”.
Dende Esquerda Unida reiteramos a nosa solidariedade e o noso apoio ao pobo saharauí na súa heroica loita fronte ao opresor Marrocos, ocupante do Sáhara Occidental. Tamén consideramos que é unha obriga reclamar a solidariedade dun pobo, con dereitos recoñecidos, a vivir en paz e libertade na súa terra, cos seus propios recursos e polo seu dereito á libre determinación.