🎥 EU tacha a actitude da Xunta de Galicia de cínica xa que di que é ‘abolicionista’ e permite que os culpables da Carioca queden impunes

Esta mañá Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, presentou en rolda de prensa a realización dun acto que celebraremos este 28 de novembro co motivo do 25N sobre violencia vicaria e falou sobre o cinismo dunha Xunta de Galicia que se considera “abolicionista” aínda que non actúa así respecto ao acontecido coa Operación Carioca.

Actos e mobilizacións de cara ao 25N

Nada máis comezar a rolda de prensa, Eva Solla trasladou “dous elementos importantes para Esquerda Unida no marco do 25N. O primeiro deles é que a nosa organización participará nos actos convocados polo movemento feminista, tal e como levamos a facer dende a nosa constitución e, o segundo, é que queremos trasladar que o día 28 de novembro celebraremos un acto, dende Esquerda Unida, sobre a violencia vicaria, é dicir, o uso dos menores por parte dos seus proxenitores ou terceiras persoas para causar dano ás súas nais”, explicou.

“Veñen de cumprirse 30 anos da Convención de Dereitos das Nenas e dos Nenos e, no noso país, non temos normas que amparen aos menores nun marco tan complicado como é o da violencia de xénero”, sinalou. Neste senso, Solla reiterou que as leis actuais precisan dunha revisión, así como a propia Lei de Violencia do Estado, unha revisión na que se prime o interese do menor.

A actitude cínica da Xunta ante a Operación Carioca

Outro elemento que Solla resaltou na rolda de prensa foi en relación ao caso da Operación Carioca. “Hai un par de semanas, o vicepresidente da Xunta de Galicia anunciaba que se ía presentar un Plan Estratéxico Contra a Trata con fins de Explotación Sexual. Isto é un cinismo por parte dunha Xunta de Galicia que non executou no 2018 a globalidade dos Orzamentos en materia de Igualdade, e cínico tamén porque en que xullo Esquerda Unida solicitou á Xunta que se presentara como acusación popular no Caso Carioca”.

Esquerda Unida solicitou que o Concello de Lugo e a Xunta se presentaran como acusación popular e que exerceran, dunha vez por todas, as súas responsabilidades como administracións públicas. “Agora vai comezar o xuízo e os proxenetas poden non ser condenados, polo que se perpetúa o silencio cómplice por parte da Xunta de Galicia, tal e como dixemos en xullo e dicimos agora”, recalcou Solla. “O que non pode agora a administración é declararse abolicionista cando deixa ceibos delitos tan graves como a prostitución de menores e outros delitos graves relacionados coa trata e prostitución deses centos de mulleres nos diferentes clubs de alternes de Lugo. É lamentable que estas vítimas teñan que sufrir agora que moitos culpables queden impunes”, apuntou.

Por todo isto, volvemos demandar que a Xunta dea resposta a estes escritos e que “deixe de dicir que é abolicionista e que de explicacións polo abandono destas mulleres, actuando consecuentemente”, dixo Solla. Dende Esquerda Unida recalcamos a noso posicionamento a favor das teses abolicionistas, defendidas polo movemento feminista, que sitúa a prostitución como unha forma de violencia machista extrema.

Ver o vídeo dende:

Relacionados