Tal e como vén anunciando Vázquez, “a Consellería de Educación votou o peche por vacacións sen ter resolto os principais problemas da comunidade educativa e que nestes momentos teñen profundamente preocupada ás familias. Concretamente, a entrada desta lei provocará aínda máis caos ao comezo do novo curso en colexios e institutos, co consecuente prexuízo para pais e nais, profesorado e alumnado”.
Ramón Vázquez destaca que “ademais da aplicación incoherente da LOMCE, hai que sumar outro despropósito do goberno galego: aproveitar o verán para pechar escolas no rural. Para o curso 2015-2016 o alumnado galego e os pais e nais atoparanse cunha redución de medios na educación pública que deixará trece escolas, 82 aulas e 122 prazas de profesorado menos no rural. Ao mesmo tempo, segundo a nova orde de concertos educativos publicada onte no Diario Oficial de Galicia, se incrementaron preto de 30 aulas concertadas, alcanzando este curso as 3853 aulas privadas que son xestionadas con diñeiro público”.
Fronte ao desmantelamento sistemático da educación por parte do PP, Esquerda Unida leva dende 1986 defendendo tanto na rúa coa comunidade educativa como nas institucións e o Parlamento, unha educación pública, universal e gratuíta; base dunha sociedade máis xusta formada por unha cidadanía libre e crítica.
Na actualidade, xunto coa comunidade educativa, movementos sociais, sindicatos, especialistas en educación, mareas verdes e formacións políticas dende Esquerda Unida traballamos para a construción colectiva dun novo modelo educativo. (Ver en: Documento de bases para unha nova Lei de Educación, Acordo social e político educativo).