EU presenta a campaña contra as reválidas da man de Xabier Ron e Ramón Vázquez

Ramón Vázquez e Xabier Ron, membros da dirección de EU e deputados de AGE, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa sobre a presentación da campaña que se está a desenvolver dende Esquerda Unida en contra da aberración pedagóxica que representan as reválidas. “A LOMCE é unha lei profundamente inxusta e contén no seu cerne todos os principios contrarios á educación, así, as familias, ao opoñerse a esta lei inxusta, actúan conforme ao dereito á liberdade e axudan a reafirmar o que debe ser o rol da educación e as funcións das avaliacións”, explicaba Xabier Ron nada máis comezar a rolda.

“Ante as declaracións vertidas por Manuel Corredoira, director Xeral de Educación, cando pretendeu atacar ás familias dicindo que eran antisistema ou dicindo que el se atribuía o rol supremo do valor da democracia, nós dicimos que as familias si que actúan democraticamente ante os ríxidos marcos dunha lei profundamente inxusta, como é a LOMCE. Por iso dende Esquerda Unida defendemos o dereito ás familias a non levar aos seus fillos e fillas ás reválidas”, sinalou o deputado.

Pola súa banda, Ramón Vázquez incidiu en que “o Goberno galego está a levar unha vergoñenta campaña de intoxicación, enganando ás familias e á cidadanía para poder sacar adiante unhas reválidas que xa son, e foron, o ano pasado, fracasadas, xa que houbo unha alta porcentaxe de obxección de conciencia”, dixo. “Cremos que esta campaña de intoxicación, que inclúe a remisión dunhas cartas de extorsión con mentiras, debe ser aclarada e clarificada. E este é o principal motivo polo que iniciamos, dende o venres e ata mañá, unha o campaña formativa para as familias baseada no reparto duns 10.000 boletíns informativos na saída dos centros formativos onde explicamos que as reválidas non son obrigatorias e non poden ser obrigatorias porque non forman parte do plan xeral de avaliación dos centros, nin do expediente académico do alumnado, e teñen unha finalidade estatística, o que familias teñen dereito a saber”, explicou o deputado.

Neste sentido, Vázquez afirmou que “as reválidas non melloran o sistema actual de avaliación, pero tampouco o pretenden, non están concibidas para mellorar a avaliación. A súa función, e o único obxectivo perseguido polo PP, é poder establecer rankings entre os distintos centros educativos”. “Entendemos que se está a realizar unha implantación abusiva por parte dos centros e, o profesorado, está a sufrir a presión de ter que decidir entre o escrito das familias para o que seu fillo ou filla non sexa admitido nas reválidas ou as instrucións da Dirección Xeral de Educación, o que consideramos inxusto para eles, que ademais despreza o seu traballo”.

Vázquez recordou que tanto as Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) como os grupos da oposición xa amosaron a súa desconformidade coa nova realización das reválidas. Dende a área de ensino de Esquerda Unida manifestan o apoio pleno ás familias que non queren someter aos seus fillos e fillas a un proceso avaliador que non ten ningunha finalidade educativa de mellorar a aprendizaxe, senón só ten só unha vontade de segregación.

É por iso que dende a área de Educación de Esquerda Unida denunciamos a aberración pedagóxica que representan as reválidas xa que someten ao alumnado a unha presión engadida innecesaria, ademais de desprestixiar e atacar o labor de mestres e mestras, que son quen desenvolven, de forma progresiva e continuada, ao longo de todo un curso a tarefa de avaliar a evolución do proceso de aprendizaxe, algo que non pode realizar, desde logo, unha proba puntual e estandarizada.

Relacionados