EU rexeita a posta en liberdade da ‘Manada’ e lembra que nun momento histórico na mobilización e nas demandas feministas as decisións xudiciais deberían estar á altura das demandas sociais

Dende a Área da Muller de Esquerda Unida mostramos o noso total e absoluto rexeitamento ante a decisión da Audiencia de Navarra de decretar a posta en liberdade provisional dos violadores de “La Manada”, decisión que deixa ver a violencia institucional e xudicial que segue vixente no noso país, especialmente cando esta medida entra en contradición co criterio do propio Tribunal, que ata en tres ocasiones denegou a súa excarceración baseándose no risco de fuga e reiteración do delito e contrasta tamén coa decisión adoptada pola Audiencia Nacional, que negou a liberdade provisional.

Dende Esquerda Unida lembramos que estamos de novo ante unha clara demostración de que a xustiza é machista e patriarcal e que as nosas leis e os órganos xudiciais son alleos á necesidade de termos unha perspectiva de xénero analice e de resposta ás agresións e violacións que se dan contra os nosos dereitos e os nosos corpos. A posta en liberdade dos membros de “La Manada” lanza unha mensaxe de impunidade que vai en contra dos criterios de reparación á vítima, reforzando á súa vez a situación de vulnerabilidade xeral das mulleres fronte a este tipo de agresións.

Por todo isto, dende Esquerda Unida sumámonos e chamamos a participar nas diferentes concentracións convocadas en Galicia a prol de denunciar este machismo estrutural tan enraizado na sociedade. Nun momento histórico de mobilizacións feministas, as decisións xudiciais deberían estar á altura das demandas sociais, atendendo e asegurando que a xustiza non teña un rumbo patriarcal.

 

Relacionados