🎥 Eva Solla: “Coas casas de apostas revivimos un problema equiparable ás drogas no anos 80”

Eva Solla, deputada e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, levou esta mañá á Comisión de Sanidade unha serie de preguntas respecto ao “insuficiente” anteproxecto de Lei Reguladora dos Xogos e Apostas de Galicia impulsado polo Goberno galego que, segundo valorou, “é unha cortina de fume, unha fraude que non satisfai as demandas sociais e que semella ir parella á actitude da Xunta de permitir a expansión do xogo, coñecendo o problema tan serio que isto significa”, apunta.

“As asociacións para tratar a ludomanía denuncian que en Galicia xa hai 10.000 menores entre 12 e 17 anos enganchados ao xogo; é dicir, estamos revivindo na nosa comunidade autónoma un problema que vivimos nos anos 80 en relación á introdución das drogas na xuventude precarizada. Neste momento son precisamente os barrios de traballadoras e traballadores onde máis implantación hai das casas de apostas”, sinala a deputada.

A deputada mostrouse preocupada pola cuestión de que a mocidade perciba isto como “un ocio normal”. Un exemplo desta afirmación é que a normativa que pretende sacar adiante a Xunta “non introduce ningún tipo de control respecto ao acceso de menores ás máquinas comecartos. Nós propoñemos un control por DNI no acceso a estas máquinas, moitas colocadas en lugares de hostalaría”, di.

Ao seu xuízo é moi importante desvincular o consumo de alcohol do xogo, é dicir, ten que prohibirse a venta de alcohol nas casas de apostas, algo que non sae mencionado na Lei Proposta pola Xunta de Galicia, “o que é unha barbaridade”; xa que “os salóns do xogo non poden verse como lugares de hostalaría”; sinala.

A proliferación de negocios de casas de apostas, así como o aumento de usuarios e usuarias nas mesmas incrementouse notablemente nestes últimos anos. As diferentes normativas que regulan a materia están quedando obsoletas ante o rápido avance desta realidade, polo que é importante levar a cabo medidas máis contundentes. “Se contemplan algún Plan de Prevención de Ludomanía, non vemos nada no seu texto e nos parece que, sendo un problema incipiente, deberían tomar medidas máis serias para que as familias non estean desprotexidas”, di Solla.

Respecto á atención sanitaria ás persoas con ludomanía, “seguimos sen ter integrados dentro do Servizo Galego de Saúde o tratamento e a prevención de adiccións, non só desta, senón de todas, pero que no caso da ludomanía non hai unidades específicas onde acudir, polo que envían a persoas a tratarse a outro tipo de asociacións”, apunta.

Para Solla, este é un problema que afecta ás familias e á sociedade. “Terán que ir as familias, como nos anos 80, colocarse diante nas portas das casas de apostas? Hai que lembrar que as apostas non son o ocio que queremos para a mocidade, aínda que hai un ano a Xunta se dedicaba a ampliar o número de casas de apostas”, remata.

Ver a súa intervención en:

Relacionados