Eva Solla e André Abeledo chaman a sumar forzas nun debate sobre a confluencia e construcción da unidade popular en Narón

 A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o concelleiro de EU Narón André Abeledo, veñen de participar no acto: “Construíndo Unidade Popular en Narón”, que tivo lugar este xoves 24 de maio ás 19:30 horas no “Café Teatro”, no Pazo de Cultura de Narón.

A data elixida é cando se compren tres anos do #24M, cando a cidadanía optou por botar fóra ao Partido Popular dos concellos e inaugurando a lexislatura dos gobernos do cambio, que seguen a traballar cada día para os intereses da xente.  “Citámonos en Narón para falar da relevancia da unidade popular e da necesidade de incrementar a mobilización social, xa que estamos a vivir unha realidade, tanto nos concellos como a nivel autonómico, que dista moito de ser minimamente compracente. A pesar da subida do PIB, 700 mil persoas viven en Galicia na pobreza ou risco de exclusión social, o que precisa unha resposta dos partidos políticos e das organización de esquerda”, subliña a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

Esquerda Unida participa moi activamente nos procesos de confluencia e, como asegura a nosa coordinadora, “temos moito que dicir e aportar nos procesos electorais”, polo que hoxe nos dimos cita cos compañeiros de Marea Atlántica, Compostela Aberta e Anova para falar dos diferentes asuntos de actualidade e de relevancia que máis nos afectan e seguir a construír a unidade popular.

Precisamente sobre a “construción da Unidade Popular en Narón” falou André  Abeledo, quen sinalou que a confluencia “segue a ser a ferramenta para sumar forzas e para construír entre todas e todos unha sociedade mais xusta”.

“O traballo feito dende a oposición polo Grupo Municipal de EU Narón, dende unha oposición que sempre pretendeu construír e tender pontes e propoñer e dar ideas para mellorar a vida da veciñanza, vai na liña desta Unidade Popular da xente e para a xente, que entre todas e todos tentamos construír”, manifestou André Abeledo, que recalcou que a “unidade popular” debe ser o camiño da transformación social que debemos comezar a andar en Narón.

Relacionados