🎥 Eva Solla insta ao Goberno galego a manter o paritorio e as urxencias pediátricas do Hospital Comarcal de Verín

Eva Solla, deputada do Grupo Común da Esquerda, vén de instar ao Goberno galego a manter no Hospital Comarcal de Verín o paritorio e as urxencias pediátricas, así como o resto de servizos do hospital, “igual que o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras, dotando os mesmos dos medios humanos e materiais necesarios que demanda as e os profesionais para desenvolver unha asistencia sanitaria de calidade, nunhas condicións laborais dignas”.  A moción resultou rexeitada polos votos en contra do Partido Popular, que se reafirma na súa fatídica decisión e se nega a rectificar.

Eva Solla, que presentou a moción na Cámara, criticoulle a Feijóo que “se agochase nun primeiro lugar detrás dos profesionais sanitarios cando dixo que eran eles os que recomendaban o peche, e despois detrás das mulleres, coas covardes declaracións coas que amencimos hoxe nas que apelaba a que as mulleres que queiran parir en Verín o fixesen baixo a súa propia responsabilidade”. “O presidente cada vez mingua máis no seu sillón, pero ten que tomar xa unha decisión: ou rectifica e cesa o conselleiro de Sanidade ou cesarano a el os galegos e galegas e a veciñanza de Verín”, engadiu.

Na súa intervención, Solla sinalou que era moi importante tamén “levar a cabo de xeito inmediato un Plan de Contratación no Servizo Galego de Saúde que teña como finalidade principal a estabilización das e dos profesionais e a contratación de calidade, poñendo fin a actual precariedade e orzamentando as prazas necesarias para as Ofertas Públicas de Emprego”.

Outra das demandas pasaba por “recuperar o servizo de atención 24h. de cirurxía pediátrica do CHUO, dotando ao mesmo de persoal suficiente para garantir a cobertura necesaria e que a poboación da zona non se teña que desprazar a outras áreas sanitarias”. Igual de importante é “solucionar de xeito urxente a falta de matronas na provincia de Ourense, especialmente na Atención Primaria, equiparando ao resto de provincias, mediante unha OPE que cumpra coas ratios recomendadas pola OMS ou trasladar ao Goberno Central as necesidades en número de novas e novos pediatras ad futurum, solicitando axustar esas necesidades na programación dos MIR por parte do Ministerio”, rematou.

Ver o vídeo:

Relacionados