Ferrol segue á busca de establecementos solidarios. Coñeces SolidarízaTE?

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol puxo en marcha o programa SolidarízaTE, mediante o cal se distribúen vales canxeables a aquelas familias que máis o precisan. O primeiro obxectivo desta campañá é que as rentas máis baixas dispoñan dun instrumento áxil que lles permita acceder aos alimentos e aos produtos básicos de primeira necesidade. O segundo obxectivo é dinamizar o consumo en Ferrol.

Para acadar este obxectivo, desde os servizos sociais do Concello solicitan a colaboración dos establecementos comerciais de Ferrol que se queiran adherir como “tenda alimentaria solidaria”. A clave deste acordo está na procura da dignificación das persoas no acceso aos recursos desde unha perspectiva integradora. No futuro, os vales de papel serán substituidos por unha tarxeta monedeiro, ferramenta máis áxil e normalizadora.

Como facerse tenda solidaria?
Podemos atopar as bases da convocatoria e a solicitude, que debemos presentar no Rexistro municipal ou no correo solidarizate@ferrol.es, nesta ligazón. Unha vez feita, o Concello asinará un convenio de colaboración con cada establecemento e outorgará un distintivo para que quede constancia de que é unha tenda solidaria e sirva de identificación para as persoas usuarias.

A concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, pediu a colaboración de pequeno e mediano comercio nesta “loita contra a exclusión social co fin de mitigar as súas consecuencias” e considera que tamén contribuirá a “dinamizar o comercio de proximidade e o consumo na nosa cidade”.

Relacionados