FP dual: un proxecto empresarial

Tras a sinatura do pasado 16 de xaneiro do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, dun convenio de colaboración co director financieiro da empresa Coremain SL, para establecer un proxecto empresarial de FP dual en Galicia, e “o fai sen o correspondente marco normativo galego aplicando directamente o Real Decreto aprobado polo Ministro Wert en Madrid no que se establecen as bases da formación profesional dual e os contratos de aprendizase faltando o seu desenvolvemento na comunidade de Galicia”.

Á falta de normativa súmase o feito de que o goberno da Xunta non convocou ningún dos órganos consultivos legalmente establecidos para abordar calquera cambio na ordenación do sistema educativo galego como o Consello Galego de Formación Profesional, nin o Consello Escolar de Galicia, nin a Mesa sectorial de Educación. Para os deputados de AGE “resulta inadmisible que aborde un cambio desta envergadura ignorando a todos os sectores implicados na materia”.

Por outra banda, os deputados denunciaron o xeito no que se estableceu o convenio cunha empresa sen abrir a posibilidade de que outras optasen a partircipar sendo ademáis Coremain SL a empresa coa que a administración galega asinou unah chea de contratos a través das diferentes consellerías e co Sergas, sendo por exemplo a adxudicataria dos ordenadores para o Plan Abalar cun valor de máis de 5 millóns de euros, entre outros programas e contratos.

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que “este enfoque formativo do PP pretende incorporar ao mercado laboral a xóvenes dende os 16 anos e especular con esta man de obra barata co pretexto de mellorar a oferta formativa, aproveitan a desregulación do mercado laboral co que se permitirá o libre despedimento de traballadores con antigüidade para contratar a aprendices en precario e con salarios miserables”.

“Co establecemento dos chamados minijobs, o PP pretende ademáis un dobre obxectivo disfrazar as cifras do fracaso e abandono escolar e maquillar as cifras do paro, e todo con máis precariedade e menor calidade de ensino” suliñaron.

Os deputados de AGE sinalaron o feito de que o goberno do PP pretende importar o modelo formativo alemán nun cotexto industrial, empresarial, laboral, económico e social completamente distinto. Así destacaron o investimento de 30 billóns de euros por parte do goberno alemán para o desenvolvemento da formación profesional, a participación de 500.000 empresas alemanas que participan ofrecendo máis de 350 carreiras profesionais, e os 320.000 insutrutores que traballan como formadores nas empresas, e todo nun contexto onde a taxa de paro sitúase no 7,3 por cento  e o salario medio nos 1.993 euros. Mentres no noso páis lembran que o 95 por cento das empresas son pequenas empresase só o 0,67 por cento teñen 50 ou máis empregados onde debería desenvolverse este tipo de modelo educativo

Para Alternativa Galega de Esquerda antes de implantar unha modificación ou outro modelo de FP é preciso realizar unha análise de diagnóstico, coa participación da comunidade educativa e os axentes sociais sobre os problemas que ofrece a formación profesional actual. Isto debe acompañarse dun estudo de viabilidade, dunha rede planificada e suficiente de centros de titularidade e xestión pública que atenda a demanda educativa existente e que conte cos recursos e servizos precisos. “Só deste xeito o FP poderá ser revalorizada ante a sociedade e terá unha maior consideración entre o alumnado como opción posible e desexable de formación”.

Por isto, AGE insta de xeito urxenet ao goberno galego a iniciar o diálogo coa participación de toda a comunidade educativa, forzas políticas e sociais así como os órganos de participación correspondentes como a Mesa sectorial de Educación e o Cosnello escolar de Galicia para informar sobre as súas intencións sobre os cambios de modelo da Formación Profesional e o calendario de aplicación destes cambios.

Relacionados