Cambios na Formación Profesional

Santiago de Compostela, 27 decembrode 2012.- O deputado do Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda, Ramón Vázquez, presentou unha pregunta no Parlamento relativa aos cambios previstos na organización da Formación Profesional dirixidos a establecer o modelo Dual en Galicia.

O Presidente da Xunta anunciou no seu discurso de investidura o inicio de liñas de actuación baseadas na idea de establecer a Formación Profesional Dual no territorio galego. Nun contexto de crise como o actual, onde a cuestión vencelladas ao emprego, a formación e a educación son elementos clave, calquera modificación do marco normativo da Formación Profesional, debe ser abordada contando con toda a comunidade educativa e as forzas sociais.

O pasado dia 8 de novembro aprobouse no Consello de Ministros o Real Decreto 1529/2012 no que se establecen as bases da Formación Profesional Dual, unha norma que ademais de intervir sobre competencias que, na actualidade, posúe o goberno galego, importa o modelo formativo Alemán nun contexto industrial, empresarial, laboral, económico e social completamente distinto.

O ministro Wert, a través do R.D. de F.P. Dual, aproba de novo unha norma á marxe da comunidade educativa e sen contar cos profesionais da educación, establecendo importantes cambios na Formación Profesional que, xunto cos estragos que está a producir a reforma laboral, permitirá que as empresas podan deixar de contratar un bo número de traballadores e traballadoras para ser substituídos por aprendices con salario precarios.

Por outra banda, o Real Decreto regula aspectos organizativos da FP que son competencia autonómica, afectando a aspectos programáticos e de distribución horaria que non corresponden o Goberno do Estado. Esta invasión de competencias afecta ás potestades do Goberno Galego quen, polo tanto, debe asumir o seu marco normativo.

As afirmacións feitas en sede parlamentaria polo presidente da Xunta sobre as súas intencións con respecto á implantación da F.P. Dual en Galicia, causaron unha fonda preocupación na comunidade educativa. Preocupación que se ve agravada despois dos recentes cambios efectuados este curso, na creación dos Centros Integrados de Formación Profesional de xeito repentino e sen mediar negociación.

Por isto, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda pregunta á Xunta de Galicia cales son as liñas de actuación previstas polo Goberno Galego en relación cos cambios anunciados na organización da Formación Profesional; e se vai debater as medidas previstas nesta materia con toda a comunidade educativa, as forzas políticas e sociais e cos órganos de representación correspondentes como a Mesa Sectorial de Educación e o Consello Galego da Formación Profesional.

Relacionados