O PSOE de Mugardos arrebata a alcaldía a Esquerda Unida para entregarlla ao Partido Popular

Para a dirección nacional de Esquerda Unida a moción de censura en Mugardos é un feito extremadamente grave e considera que é evidente que dende Esquerda Unida de Mugardos púxose toda a vontade de recompoñer o acordo de goberno, mesmo coa dimisión da alcaldesa, feito requerido polo grupo municipal do PSOE para que a moción de censura non prosperase. Pese a concretarse esta o grupo municipal do PsdG decidíu seguir adiante coa mesma, esta vez sen escusas de ningún tipo que xustifiquen entregar a alcaldía de Mugardos á dereita.

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que a política de intereses partidistas que aplica o Partido Solicialista en Mugardos vai totalmente en contra dos intereses das e dos mugardeses, e prioriza un goberno de dereitas totalmente contrario ao que di defender noutros espazos políticos.

Esquerda Unida pide á dirección nacional do PsdG que non permita desde agora, o apoio dos seus concelleiros a un goberno “dos de Feijóo en Mugardos” xa que sería unha incongruencia manifesta o feito de que, mentras os dirixentes galegos e estatais pretenden construír unha alternativa a esta mesma dereita, a mesma que o seu secretarío xeral, Gonzalo Caballero, hai uns días acusaba de aplicar políticas de recortes e deixar a Galicia sen futuro, en Mugardos se faga todo o contrario.

Dende a dirección nacional de Esquerda Unida, trasladamos o noso apoio ás compañeiras e compañeiros de Esquerda Unida de Mugardos polo traballo realizado ao fronte do goberno municipal aplicando políticas tanxibles para mellorar a vida e os dereitos das persoas.

Relacionados